O Campus Polideportivo de VIDE celebrarase do 25 ao 29 de xuño nas Travesas

inscricioncampus1O programa estrela conxunto de VIDE, o IMD e a Concellería de Deportes xa está en marcha. O Campus Polideportivo 2012 celebrarase do 25 ao 29 do mes de xuño nas instalacións do IMD das Travesas.

Para a decimoterceira edición, a Fundación Vigo en Deporte decidiu manter o mesmo prezo que rexe no campus polideportivo dende 2007.

 

Como é habitual, o evento contará co apoio de clubs de elite e de base da cidade, a Concellería de Deportes e o Instituto Municipal dos Deportes (IMD), que cede as súas instalacións centrais.

A inscrición, que se abrirá o 4 de xuño, luns, ás 9 horas, na sede de VIDE, custará 65 euros por alumno/a, é dicir, o mesmo prezo por sexto verán consecutivo.

O campamento, para nenos e nenas de 8 a 14 anos, conta con 200 prazas e desenvolverase de 10:00 a 18:00 horas de luns a venres. O alumnado come nas instalacións do IMD e, ademais de practicar os deportes habituais, tamén se introduce no coñecemento doutras modalidades deportivas.

No momento de facer a inscrición, VIDE solicita aos pais ou nais a capoia da tarxeta sanitaria ou seguro privado do neno ou nena.

Ata agora máis de 2.400 alumnos e alumnas pasaron xa por este campus, que abriu as súas portas no verán do 2000.