Ábrese o vindeiro luns o prazo de inscrición para o Campus Polideportivo VIDE

Imprimir

inscricioncampus2A inscrición para o XIII Campus Polideportivo VIDE abrirase o luns 4 de xuño ás 9:00 horas nas oficinas da Fundación Vigo en Deporte, no edificio do IMD das Travesas. O campus desenvolverase nas Travesas do 25 ao 29 de xuño.

O campus, que conta co traballo en equipo de VIDE, a Concellería de Deportes e o Instituto Municipal de Deportes, abre para 200 prazas de nenos e nenas de 8 a 14 anos.

Nesta semana, as consultas de pais e nais, tanto presenciais como telefónicas, foron numerosas dada a tradición e arraigamento deste campamento polideportivo.

Vitrasa, Naviera Mar de Ons, Frutas Nieves, Umbro, Coca-Cola e Tiempo Muerto son algúns dos patrocinadores privados comprometidos con esta iniciativa, que dá continuidade ao programa das escolas deportivas municipais e é un complemento máis na formación dos e das deportistas locais de base.

Como nos últimos anos, un voluntario de VIDE repartirá números (a partires das 8.50 horas) para evitar na medida do posible as incómodas colas. A folla de inscrición está dispoñible nesta páxina web (e nesta mesma información) e dende VIDE lémbrase que o pago debe realizarse en efectivo (65 euros/alumn@), que cada persoa pode solicitar un máximo de 4 inscricións e que é necesario presentar a copia do cartón sanitario ou seguro privado do neno ou nena.

O campamento, do 25 ao 29 de xuño e coordinado por Ana Álvarez, adestradora superior pertencente ao Celta Bosco, traballa varios deportes de 10 a 18:00 horas cada día, pero tamén é un exemplo de convivencia, porque o alumnado come nas propias instalacións deportivas do IMD baixo a supervisión dunha vintena de monitores de varios clubs de elite da cidade e voluntarios do programa VOVI de VIDE.

Se, unha vez obtida a praza e realizado o pagamento correspondente, a persoa interesada non pode asistir ao campamento, só terá dereito á devolución da cantidade aboada no caso de que se xustifique por escrito en VIDE, polo menos con 10 días de antelación ao inicio da actividade, e haxa motivos de forza maior debidamente acreditados.

Folla de inscrición Campus_Polideportivo VIDE 2012 (2.18 MB)