O campus VIDE forma dende hoxe a 200 niños en 11 deportes e nos principios da convivencia. Horarios.

campus voleiArrincou a décimo sexta edición do campus polideportivo de  VIDE e, un ano máis, con cheo e cubrindo as 200 prazas dispoñibles. O éxito deste campamento, no complexo do IMD nas Travesas, reside na coordinación de forzas entre os clubs de elite da cidade, que baixo a dirección de José Luis Rial Vila (Club Bembrive F.S.) envórcanse cunha trintena de monitores, e o apoio que ao mesmo préstanlle a Concellería de Deportes, o IMD e a Fundación VIDE.

Academia Octavio, RC Celta Baloncesto, Club Bembrive F.S., Vigo Voleibol, Xuvenil Teis, Traviesas HC, AMFIV, Halcones de Vigo, Vigo Rugby, Bádminton Rachaplumas e Ciclista Vigués, son as entidades deportivas da cidade implicadas neste fantástico proxecto que conxuga formación e lecer.

Ao longo dos cinco días, nenos e nenas son instruídos nos deportes da elite local (baloncesto, balonmán, voleibol, fútbol sala, hóckey a patíns, baloncesto en cadeira de rodas, natación, béisbol, rugby, bádminton, ciclismo) e excursión ás Illa Cíes. Ademais, a piscina do Carmen é escenario de actividades e xogos cada serán nunha semana de calor.

O campus ocupa durante catro días a totalidade de pavillóns do complexo das Travesas (Central, Vermella, Frontón e Carmen), o campo de fútbol para as sesións de béisbol, rugby, ciclismo e a piscina. Mañá martes, o bulicio xuvenil trasladarase a Cíes grazas á colaboración de Mar de Ons, que leva en barco ao alumnado e monitores ao Parque Nacional Illas Atlánticas.

Xornada de Cíes (martes)

9.30 h. Deixar aos/as nenos/as na Estación Marítima.
18.00 h. Recoller aos/as nenos/as na Estación Marítima.

IMPORTANTE. Recordámosvos que durante o horario do Campus non están permitidos os aparellos electrónicos (móbiles, tablets...).

Para a excursión a Cíes temos que levar: bañador e muda, toalla, protector solar, gorro, roupa e calzado cómodo. 

Horarios Campus 2015