Non quedan máis prazas. A décimo sétima edición do Campus Polideportivo VIDE, en colaboración coa Concellería de Deportes do Concello de Vigo que lidera Manel Fernández, que se desenvolverá do vindeiro 27 xuño ao 1 de xullo, esgotou as súas 200 prazas.
O campus desenvolve un horario óptimo para as familias, os nenos e nenas, que rematan o curso uns días antes, entran ás 9:00 horas e vanse ás 18:00 horas (comen no propio Complexo Deportivo das Travesas) e está dirixido por adestradores e monitores cualificados de varias entidades deportivas punteiras da cidade, o que achega ás familias unha garantía sobre a calidade da aprendizaxe do alumnado.
Ademais, a visita a Cíes, que este ano será o mércores 29, fomenta a interrelación dos nenos e nenas co medio ambiente e entre si, sendo unha das actividades máis celebradas nesa intensa semana deportiva.
Na galería fotográfica están dispoñibles todas as fotos das edicións anteriores.