Miguel Casal defende dende hoxe en Samil o seu título de campión de Vigo de tenis

final1A 71 edición do Campionato de Vigo de tenis, con 1.200 euros en premios a repartir nas categorías absoluta masculina e feminina, entra na súa segunda e definitiva semana.

Miguel Casal, vixente campión do torneo vigués de tenis por excelencia (é esta a edición número 71) comeza este luns a defensa do título no complexo municipal de Samil.

Tras disputarse na primeira semana de competición a fase clasificatoria, un cadro con 43 xogadores do que avanzaron catro, agora chegan os oitavos de final. Ata a data, só unha sorpresa: dos catro favoritos a estar na fase final do torneo de Samil, o número 3; Jaime Andrade, dixo adeus no seu partido final ante Miguel Rivas (Ureca), que o derrotou por 3-6 e 1-6. Antes, en "semis", impúxose tamén ao quinto cabeza de serie, Hizan García Prieto, por idéntico marcador.

Este luns, Casal (na imaxe, á esquerda, na final de 2011 fronte a Rodríguez) debuta ás 17:15 horas (pista 2) ante Ignacio Trigo, terceiro favorito o ano pasado e que nesta edición chegou á súa segunda fase final consecutiva sen entrar na "qualy". Mentres, o flamante campión galego, Roberto Rodríguez (número 2 do campionato olívico), verase na pista 3 ás 18:45 precisamente con Rivas Costa, este ano campión galego cadete de dobres e a sensación na previa (catro partidos, catro vitorias e ningún set perdido). Nesta xornada ventilaranse os oitavos de final dun evento que Casal domina de forma case insultante. Porque non cede un set nas eliminatorias previas á final, e só nas tres finais contra Rodríguez (2008, 2009 e 2011) necesitou das tres mangas para imporse. Os oitavos poderán seguirse hoxe ás 15:45 e 17:15 (pistas 2, 3 e 4) e ás 18:45 (2 e 3).

O cadro feminino xa arrincou días atrás coa campioa, Patricia Vilas (Vigo, 1991), defendendo prurito (6-1 e 6-2 ante González) e Marta González Niño (C.T. Nigrán), finalista 2011 e vixente campioa de Galicia, pasando a cuartos por 'bye'. Vilas, que viviu as últimas cinco finais, perdendo só a de 2009, é nesta ocasión a terceira cabeza de serie, coa moza Gisela Amor (C.T. Nigrán) como número 2; Amor xogará ás 17:15 contra Ana Fernández na pista 6. A rival en cuartos de Vilas sae do cruzamento entre Olalla Fernández e Cristina Llantada (18:45, pista 6). A cuarta favorita é López Pérez, que xoga ás 12:00 (pista 6) con María Mariño (Ureca). González Niño saltará ás pistas de Samil mañá martes (17:15) na pista 1 fronte á gañadora do Arreola-Diana Martínez (hoxe, 15:45, pista 5). Vilas, pola súa banda, tamén xogará mañá á mesma hora que Marta González Niño pero na pista 2.

A organización dirixida por Pablo González, novo responsable da Escola de Municipal de Tenis que xestiona a Federación Galega, controlou ata a data 175 encontros, programándose 23 para hoxe.

cartelEsta edición do evento, terceira como Memorial Antonio Santorio en lembranza do presidente da Federación Galega de Tenis, contará tamén con actividades paralelas para a xornada dominical a fin de que a media ducia de pistas que se ocuparán manteñan unha gran animación.

A medición da velocidade do saque, unha posible exhibición de tenis para discapacitados e outras ideas serán postas en marcha o día 2 como colofón dun campionato que terá como xuíz árbitro a Miguel Ángel Cameselle e que supón a festa anual do tenis local.