O Gran Premio Cidade de Vigo de ciclismo, esta fin de semana, recupera o circuíto urbano e a cronoescalada ao Castro

ccviguesgpTodo a punto para pechar este mes coa 39 edición do Gran Premio Cidade de Vigo-Díptico Ciclista de Galicia, coa organización do Club Ciclista Vigués-Autronic e o patrocinio do Concello de Vigo.

"O mellor ciclismo afeccionado elite e sub 23 vaise dar cita en Vigo", asegurou o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, que se felicitou polo "regreso desta tradicional proba ás rúas da cidade, que recobra o seu carácter de carreira urbana", sinalou, "porque faltaba a participación da cidadanía", indicou durante a rolda de prensa de presentación do evento, fixado para os días 29 e 30.

 

A carreira esquécese do fondo na estrada, habitual estes anos, para gañar espectacularidade polas rúas da cidade, o que obriga ao pelotón a traballar nun escenario "rápido e técnico polas curvas e con moito desgaste", anunciou o presidente do C.C. Vigués, Carlos Vidal. A entidade é un dos membros destacados do programa Siareiros Club da Fundación VIDE.

O Díptico ofrece variedade de probas ao longo das súas dúas xornadas. O sábado, dende as 17:00 horas, os preto de 100 ciclistas de trece equipos de Galicia, Asturias e Portugal terán que encarar unha carreira de fondo, unha de sprints (quince voltas ao circuíto con sprint cada tres xiros) e outra por eliminación. Todo en 1,2 quilómetros (ida e volta) na avenida García Barbón, no tramo comprendido entre Santiago de Vigo e o cruzamento coa prolongación de Rosalía de Castro, onde os participantes pedalearán durante vinte voltas.

O domingo, os sobreviventes afrontan dúas probas máis a partires das 10:30 horas, unha cronoescalada individual de 3,5 quilómetros, que parte ao pé da estatua do Sireno, na Porta do Sol e con final no Castro (rúa Manuel Olivié), e unha escalada de 21,3 quilómetros dende a rotonda do Bicentenario (cruzamento de Camelias con Venezuela) ao Castro, con dez voltas ao circuíto, que non se utilizaba para o ciclismo dende finais dos anos 1970.

Ademais dos cinco equipos afeccionados galegos de referencia (Cambre, Aluminios Cortizo, Superfroiz, Novagalicia Banco e C.C. Vigués-Autronic), conxuntos como o Liberty Seguros portugués, que co sub 23 Luis Afonso acaba de gañar a nivel individual a XI Volta a Galicia de afeccionados, o Valongo ou o Maia estarán en liña de saída, xunto con formacións asturianas. "É a proba máis importante do calendario galego para afeccionados", sostivo Vidal.

Todas as carreiras disputaranse a título individual, cun premio para o mellor clasificado no cómputo final dos dous días.

O concelleiro de Deportes pechou o acto anunciando que "a partires do luns, club e Concello poranse a traballar na cuadraxésima edición, porque hai que planificar xa o Gran Premio de 2013", dixo.

A organización coidou o apartado da seguridade e conta con medio cento de voluntarios propios, de Protección Civil e da Fundación VIDE, ademais do apoio da Policía Local. Quince motos controlarán cruces e punta de lanza da serpe multicolor, manifestou a directiva do C.C. Vigués.