Outro set máis para o Xuvenil en Superliga2

O C.V. Xuvenil Teis conseguiu outro set ao seu favor fronte ao VPMadrid, pero non logrou a vitoria.  A destacar o traballo das centrais tanto ao conseguir puntos en ataque como os moitos bloqueos que fixeron ás xogadoras do VPMadrid. O encontro comezou claro para as madrileñas con clara vantaxe nos dous tempos técnicos 5-8 e 7-16. Aínda que o adestrador local pediu tempos mertos para frear a sorte das madrileñas nada puido facer para que o set fose para as visitantes por un 17-25.

Durante o segundo set as sensacións locais foron a peor, chegando a un 1-8 para as madrileñas. Non obstante unha boa sorte de saques de Rebe, con dous puntos directos fixeron que o marcador chegase a un 11-16.

No terceiro set e co cúmulo de boas accións polo centro da pista con remates e bloqueos de Rebe e de Lucía, conseguíase ir empatando o set dende o punto 7-7. O bo facer e a concentración das locais fixeron que as xogadoras e o adestrador do VPMadrid se fosen do partido, conseguindo, non sen esforzo a vitoria do set por un apertado e emocionante 26-24.

Na disputa do cuarto set o equilibrio aparecía outra vez cun empate a 7 puntos. Pero a partir dese momento a igualdade non volveu aparecer no marcador. Cun 10-16 no tempo técnico, as madrileñas fóronse separando máis no marcador con ataques contundentes dende as ás. Dun 12-18 rematou o set cun 20-25 que lle valía a vitoria e a terceira praza do grupo ao VPMadrid.

Polo VPMadrid xogaron: Calvo, García, Jovanovic, Rubio, Pérez, Morales e como líbero D´amato. Tamén xogaron Tarradellas, Sáez, Oliver e Villasante.

Polo Xuvenil Teis xogaron: Rosana, Lucía, Lorena, Lily, Rebe e Eva, como líbero Ania. Tamén xogou Nati.

Fases finais equipos inferiores

Tras a disputa da última xornada de liga a pasada fin de semana, hai tres equipos que conseguiron pasar ao seu correspondente Campionato Galego e outro conseguiu acceder á fase de ascenso.

O equipo feminino cadete conseguiu unha meritoria segunda praza na liga regular tras o Voleyourense. As rapazas de Rodolfo Lago participarán no Campionato Galego o día 11 de maio e o seu primeiro partido será contra Zalaeta, se pasan este partido enfrontaríanse ao gañador do partido Voleyourense-Emevé de Lugo.

Outra segunda praza foi a obtida polo equipo de Segunda B feminino, a partir de agora e con datas por determinar da fase de ascenso terán un enfrontamento a dobre partido que definirá se ascenden á seguinte categoría Segunda A.

O terceiro posto obtívoo na súa liga o equipo de segunda A masculino, tras o Fisio Cinesia Noia e o Lancer Zenale San Sadurniño, nun grupo composto por oito equipos.

A cuarta praza foi para o equipo Infantil Masculino, que durante grande parte da liga ocupou a terceira praza na clasificación, obtendo ao final da fase regular a cuarta praza que lle permite participar no Campionato Galego da categoría o próximo 20 de abril.

O primeiro enfrontamento será contra o Manuela Rial de Dumbría, curiosamente o último partido de liga regular. Se vencen neste encontro enfrontaríanse ao gañador do partido Emevé- Santa María del Mar o mesmo día 20.