O Amfiv esperta tras un mal primeiro cuarto e impón a lóxica ante o Zuzenak

20130318_amfiv_zuzenakCésar Iglesias enfrontaba, sobre o papel, un prácido partido no seu regreso ao banco do Amfiv. Os vigueses, terceiros, recibían ao último, un recén ascendido como o Caixa Zuzenak que aínda non coñece a vitoria esta campaña e que, ademais, chegaba a Bouzas con múltiples e importantes ausencias. Por iso, o adestrador vigués esperaba que esa diferenza na táboa clasificatoria se plasmase sobre a pista.

 Ao final, así foi aínda que o primeiro cuarto non invitaba demasiado o optimismo. Porque o Amfiv tardou dez minutos en presentarse no partido. Os vigueses iniciaron o choque ante os vitorianos tremendamente erráticos nos pases e desacertados nos seus lanzamentos. Ese mal inicio de partido permitía ao Caixa Vital Zuzenak, que non remataba de crerllo, pechar o primeiro período por diante no marcador (6-8, min.10).

Afortunadamente, os locais reduciron o número de balóns perdidos no segundo cuarto e empezaron a acertar con algúns dos seus tiros, a pesar de que a porcentaxe de acerto dende posicións francas seguía sendo escasa, co que non tardaron demasiado en coller o mando no electrónico (21-12, min.14). Non obstante, a defensa viguesa non remataba de estar excesivamente fina e os vascos marchaban ao intermedio aínda vivos no partido (30-18, min.20).

A reanudación xa si que foi outra cousa. Nos seguintes vinte minutos, o Amfiv só permitiu que un cansado Caixa Vital Zuzenak anotase sete puntos, concedendo só dous no último cuarto. O conxunto de César Iglesias, agora si, aplicouse en defensa e empezou a recuperar multitude de balóns que lle permitiron lograr numerosas canastras doadas. Un primeiro parcial de 13-2 avisaba das intencións viguesas e deixaba o marcador nun clarificador 43-20 (min.27). E Txema Avendaño, con nove puntos consecutivos, encargábase de pechar o cuarto e deixar o partido totalmente visto para sentenza (52-23, min.30).

Deste modo, o último cuarto foi un mero trámite que Iglesias aproveitou para probar un anaco o quinteto cos seus tres homes altos en pista e dar minutos tamén a xogadores menos habituais como Alberto Abalde. O máis importante é que, aínda que a produción ofensiva do Amfiv se freou un tanto, a intensidade defensiva non só non baixo nin un ápice en ningún momento se non que mesmo se incrementou e o conxunto vigués rematou impoñendo a lóxica e gañando por un concluínte 64-25.

AMFIV - CAIXA VITAL ZUZENAK 64-25

AMFIV: Julio Vilas (13), David Mouriz (9), Jose Teijido (-), Lorenzo Envó (17), Dominik Mosler (4) –cinco inicial-, Santi Comesaña (-), Txema Avendaño (17),  Vicky Alonso (4) y Alberto Abalde (-).

CAJA VITAL ZUZENAK: Jon Oyanguren (9), Fabio Tottil (6), Iñaki Gandía (4), Gonzalo Miguel (-), Tony Sánchez (-) –cinco inicial-, Asier Domínguez (2), Iñaki Urteaga (-) y Zohuier El Hanine (4).

PARCIAIS: 6-8, 30-18 (descanso), 52-23 e 64-25 (final)

ÁRBITROS: Piñol e Marqués. Sen eliminados.

INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo cuarta xornada na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón do Berbés ante a presenza de aproximadamente 350 espectadores.