O Fundosa fai pagar ao Amfiv os pratos rotos da súa derrota en Badajoz

AMFIV-FUNDOSAO Amfiv sufriu un duro correctivo na penúltima xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas ante o todopoderoso Fundosa Once, campión da Copa do Rei e dende fai xa dúas xornadas gañador tamén do título ligueiro, nun choque no que os madrileños non se concederon a máis mínima relaxación e fixeron pagar aos vigueses os pratos rotos pola súa derrota do pasado sábado en Badajoz, a única encaixada polo Fundosa esta tempada.

Cando un equipo como o que dirixe o ex técnico do Amfiv Abraham Carrión conta cunha interminable constelación de estrelas e, ademais, todas elas están cunha motivación extra e ganas de demostrar que o sucedido ante o Mideba só foi un traspié, é moi difícil plantarlle cara. Pero se a isto se une que o teu equipo ten un día completamente negado ante o aro rival, sucede o que pasou este sábado no Pavillón de Bouzas.  Así, o choque durou unicamente un cuarto, o primeiro. O tempo que tardou o Fundosa en afinar a puntaría e empezar a atopar ocos claros e abundantes na ata entón boa defensa local.

O inicio do partido xa auguraba o que estaba por chegar. No minuto 3 de encontro, o electrónico reflectía xa un 1-8 para os madrileños. O Amfiv erraba unha e outra vez os seus lanzamentos e só o seu esforzo en defensa e que os visitantes tampouco estaban especialmente finos permitía aos vigueses pechar o primeiro parcial con ilusión (11-16, min.10).

Unha ilusión que se esvaeceu xa totalmente antes do descanso. Ao conxunto de César Iglesias custábanlle un mundo sumar cada punto á súa cuadrícula mentres que Bywater, Latham e Tucek martelaban sen cesar o aro vigués. Por iso, a renda disparouse moi pronto (15-30, min.15). O técnico do Amfiv intentouno probando diferentes combinacións de quintetos. Primeiro, cos seus tres homes grandes en pista. Pero a diferenza seguía crecendo, agora con Carlos Vera uníndose ao festival ofensivo dos madrileños (18-40, min.19). Despois, aínda antes do descanso, co seu quinteto de puntos intermedios (20-41, min.20), unha aposta que mantivo tras o intermedio pero que tampouco tivo o efecto desexado (22-52, min.25).

O encontro estaba xa completamente decidido e ao Amfiv agora tocáballe o duro e complicado papel de pelexar para intentar obter unha derrota o máis digna posible. O obxectivo local complicouse moito máis posto que o Fundosa non estaba disposto a ofrecer facilidades e pretendía facer o maior dano posible para esquecer a súa derrota en Badajoz. Por iso, a renda chegou mesmo a situarse nos corenta puntos (35-75, min.36), aínda que un arranque de casta vigués nos últimos instantes, liderado por Lorenzo Envó, conseguiu maquillar lixeiramente o resultado final (45-82).

Agora, tras as dúas últimas derrotas na casa (Burgos e Fundosa), o Amfiv céntrase xa no seu último compromiso ligueiro, que lle levará a próxima xornada á cancha dun Clínica Canto Amivel que esta mesma xornada certificou a súa permanencia unha campaña máis na máxima categoría e, ao mesmo tempo, o descenso do Servigest Burgos. Os vigueses desprazaranse a cancha malagueña coa intención de lograr unha vitoria para manter as súas posibilidades de pechar unha grande tempada cunha máis que meritoria terceira posición.

AMFIV - FUNDOSA ONCE 45-82

AMFIV: Berni Costas (4), Santi Comesaña (-),Txema Avendaño (3), Lorenzo Envó (16), David Mouriz (18) –cinco inicial-, Julio Vilas (4), Dominik Mosler (8), Jose Teijido (2) y Vicky Alonso (-).
FUNDOSA ONCE: Daniel Stix (-), Pablo Zarzuela (13), Terry Bywater (23), Rafa Muiño (4), Peter Tucek (19) –cinco inicial-, Bill Latham (11), Daniel Rodríguez (-), Carlos Vera (12), Jaume Llambi (-), Almudena Montiel (-) y Javi López (-).

PARCIAIS: 11-16, 20-41 (descanso), 28-61 y 45-82 (final)

ÁRBITROS: F.J. Verde y Jorge González Marqués. Sen eliminados.

INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo sétima xornada na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputada no Pavillón de Bouzas ante a presenza de aproximadamente 300 espectadores.