Tablas no Baltasar Pujales

O Rápido de Bouzas recibia ao Negreira. Primeira parte con moita intensidade por parte de ambos os dous conxuntos, que buscaron o gol dende o primeiro minuto de xogo. Non tardou en chegar o conxunto boucense, pois no primeiro minuto de xogo, Jacobo disparou fóra. O cadro coruñés reaccionou e minutos máis tarde puido adiantarse no marcador por mediación de Roberto.

O encontro mantivo a atención dos afeccionados, mentres sobre o terreo de xogo se viviron momentos dun excesivo nerviosismo, con entradas a destempo e enfrontamentos entre xogadores.

O Rápido adiantouse no marcador moi preto do final da primeira parte, cando Pardavila recibiu un balón na banda esquerda e ante a saída de Ríos llo colou por enriba. Sen tempo para reaccionar chegouse ao tempo de descanso.

Na segunda parte o Negreira premeu un pouco máis, pero sen arriscar demasiado. A liña de catro en defensa tardou moitos minutos en modificarse, e iso beneficiou o traballo defensivo dos aurinegros, que non pasaron apuros para defender o tanto conseguido na primeira parte.

Mediado o período, os coruñeses deixaron a tres homes en defensa, co que o Rápido buscou a sentenza á contra. Puido sentenciar Pardavila a quince minutos para o final, cando conectou unha potente volea, pero Ríos despexou nunha boa intervención. O empate chegou no tempo de desconto, por mediación de Roberto.

1 – Rápido de Bouzas: Roberto, Marcos, Cotilla, Portas, Villa, Rubén, Pablo (Carnero, minuto 87), Fidi (Diz, minuto 68), Pardavila, Chema e Jacobo (Agujetas, minuto 60).
 
1 – Negreira: Ríos, Paco (Rego, minuto 75), Óscar, Marcos, Adán (Adrián, minuto 52), García, Toja, Roberto, Louro (Blanco, minuto 75), Gonzalo e Diego Otero.

Goles: 1-0, minuto 37: Pardavila. 1-1, minuto 92: Roberto. Árbitro: Rodrìguez Campos, auxiliado por Fuentes Seoane e González Rey. Amoestou a Marcos, Fidi e Pardavila polo Rápido e a Toja polo Negreira. Incidencias: Encontro disputado no Baltasar Pujales de Bouzas, que rexistrou unha boa entrada.