Xisela Aranda lidera a selección nacional no europeo

xisela_aranda_mayo_2013Do 1 ao 5 de maio disputouse en Amsterdam o Campionato de Europa de squash de seleccións absolutas. Ata alí desprazouse Xisela Aranda, como número un da selección, para capitanear a expedición española co fin de subir á primeira división europea. A viguesa é a única galega dentro do equipo composto por Cristina Gómez (Murcia), Marina de Juan e a seleccionadora Margaux Moros (ambas as dúas da Comunidade Valenciana).

A selección española debería de enfrontarse a seis equipos europeos (Suecia, Dinamarca, Italia, Austria, Finlandia e Suíza) dos cales dous subirían a primeira e dous baixarían a terceira división.

Deste xeito enfrontáronse a estas seis seleccións, gañando a Suecia, Austria, Italia e Finlandia e cedendo ante Dinamarca e Suíza. Finalmente a selección española quedou en terceiro lugar, non conseguindo subir á máxima categoría por soamente un partido, xa que as suízas gañaron doce e perderon seis e o noso combinado nacional gañou once perdendo sete.

De tódolos xeitos, a xogadora viguesa declarou o seguinte: "Estou moi contenta co nivel que tivemos durante todo o campionato, é un torneo longo e duro onde o físico e a mente teñen que estar ao 100% en cada partido. Conseguín derrotar xogadoras moi difíciles e cumprín cos obxectivos marcados a principio de tempada. É unha pena non conseguir o ascenso pero o ano que vén continuaremos loitando por conseguilo e estou segura que chegará".

Xisela Aranda, número un do ranking nacional, campioa catro anos consecutivos da Copa de España e campioa de España dende 2010, seguirá coa súa tempada ata principios de verán, sendo un dos destinos a copa España que se disputará en Vigo do 31 de Maio ao 2 de Xuño.  "Espero realizar un bo papel e conseguir levarme a copa por quinto ano diante da miña xente ".