Caballero salienta que o VigoBikeContest é a proba de mountain bike con máis prestixio en España

Concello_O alcalde, Abel Caballero, acompañado do presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, participou onte na presentación da edición 2014 deste evento múltiple -XC, Mini DH e Enduro- do ciclismo de montaña, que terá lugar esta fin de semana nos montes de Coruxo. A organización celebrará ademais os quince anos do certame os días 13 e 14 de abril, cunha proba puntuable para a Copa de España de DH.

Un ano máis, os montes de Coruxo acollerán esta fin de semana -1 e 2 de marzo- a edición de 2014 do VigoBikeContest, a proba de ciclismo de montaña de maior prestixio no panorama nacional, tal e como salientou o alcalde durante a presentación ante os medios da cita, que contou con representación da organización, da federación, patrocinadores e mesmo Tony Pérez, campión de España de Enduro.

Patrocinado polo Concello de Vigo, VigoBikeContest é un evento múltiple que auna tres especialidades de mountain bike. XC congregará a uns 200 participantes de toda Galicia que darán un número de voltas -en función da categoría- a un circuito de 4 quilómetros. A de Vigo é a proba inaugural do open de Galicia da modalidade e competirá a actual campiona do Open de España, Lucía Vázquez.

Para atender ao deporte de base, a organización programa unha cita Mini DH para os nenos e nenas das escolas ciclistas de entre 5 e 13 anos de idade. A proba principal será o Enduro, especialidade popular que se adapta á perfección á orografía viguesa e na que os ciclistas deberán completar un percorrido de 29 quilómetros polos montes da cidade, aínda descoñecido, vencendo os máis rápidos nos cinco treitos cronometrados. Xa están confirmados uns 220 participantes no Enduro, entre os que un dos favoritos será Tony Pérez, vigués campión de España.

Segundo desvelaron durante a rolda de prensa, a edición de 2014 será a décimo quinta e os organizadores preparan como conmemoración unha segunda cita ciclista en Vigo, os días 12 e 13 de abril, cando a cidade acollerá unha proba da Copa de España de DH.