Cabecera Vide

O vigués Martín de la Puente, do Real Club Náutico de Vigo, campión de España absoluto de tenis en cadeira

martinMartín de la Puente, xogador de 14 anos do Real Club Náutico de Vigo, xa é campión de España absoluto de tenis en cadeira, tanto a nivel individual coma en dobres. Logrouno por vez primeira este domingo na Cidade Deportiva Val das Cañas, en Pozuelo de Alarcón (Madrid), onde se citaron as dezaoito mellores raquetas do país procedentes de Madrid, Aragón, Murcia, Galicia, Cataluña, La Rioja e País Vasco, entre outras comunidades.

O xogador vigués, que se desprazou dende Vigo co resto de representantes galegos na furgoneta da Federación Galega de Tenis, impúxose en segunda rolda (oitavos de final) a Jorge Iglesias por 6-1 e 6-2 e ao murciano Enrique "Kike" Siscar en cuartos (6-2 e 6-4). En semifinais tocou rival galego, o veterano paralímpico ferrolano Álvaro Illobre, ao que Martín superou en dous sets (6-4 e 6-2). O nivel adquirido por Martín valórase xustamente sabendo que Illobre, habitual de Xogos Paralímpicos, estará na Copa do Mundo con España en categoría absoluta.

Na final esperáballe o madrileño Roberto Chamizo, á que tamén accedía sen perder un set. Repetíanse así os do do Open Ciudad de Móstoles e do internacional de Tenis Cadeira Cidade de A Coruña, con vitorias repartidas para Chamizo en Móstoles [7-5, 0-6 e 6-7 (10)] e para o tenista do Náutico vigués na Escola de Tenis Marineda, en Cambre [(6-7 (3), 7-5 e 7-6 (3)].

En Pozuelo a final empezou pintando mal para Martín, que encaixaba un 1-6 favorable ao actual número 1 do ránking nacional absoluto. "El xogou moi ben e eu estiven un pouco lento", analiza De la Puente, que soubo recuperarse anímicamente para voltear a final e levar o título de campión nacional sénior por 6-3 e 6-4. "Ao principio non sabía que facer, pero logo movinme máis, púxenlle máis corazón, traballo e metín máis bólas", explicaba.

Martín quere "seguir a por máis"

"Estou superfeliz. Fomos con ganas de intentar algo grande e estou moi contento. Non o esperaba... pero agora hai que seguir a por máis", manifestaba o xogador este luns, horas despois de estar a examinarse no instituto de O Castro.

Martín recoñece que le "tiña ganas" a Chamizo pola derrota en Móstoles a principios de mes. Curiosamente, non por perder unha competición de nivel medio, á fin e ó cabo non sempre se gaña, senón porque "Móstoles é especial porque alí gañei o meu primeiro torneo e ese será sempre especial". Agora sabe que este triunfo lle permitirá "gañar puntos e subir algún posto no ránking español", pero "iso non é o principal, quédame mellorar o meu xogo", sostén convencido de que ese é o obxectivo primordial. Na última clasificación do ránking nacional absoluto, do 7 de maio pasado, era quinto do país.

No cadro de dobres, e formando parella con Juan Gutiérrez (o máis veterano en gañar un campionato nacional), tamén logrou alzarse co trofeo. A final ante Chamizo e Illobre, os seus compañeiros de selección (pero eles da absoluta) e números 1 do cadro de dobres, finalizou co resultado de 3-6, 7-5 e 11-9. O vigués non lles deu tregua sobre pista dura.
Máis mérito ten que a súa parella habitual como doblista, o pontevedrés Félix García, non acudiu ao Nacional de Pozuelo por exames (ademais lesionárase no trofeo herculino).

Organizado polo Club Tenis Pozuelo, a Federación Madrileña de Deportes de Minusválidos Físicos e a Fundación Tenis Madrileño, o evento, de catro días, clausurouse coa entrega de premios, que estivo presidida pola alcaldesa de Pozuelo, Paloma Adrados, e representantes de todas a entidades colaboradoras.

Agora, a Copa do Mundo junior

Hoxe martes, De la Puente volverá aos adestramentos nas pistas do Náutico en Nigrán (Los Abetos), xa pensando na Copa do Mundo junior, do próximo 26 de maio ao 1 de xuño, na localidade holandesa de Alphen aan dean Rijn, cidade e municipio atravesado polo Rin, na provincia de Holanda Meridional.

Viaxará este venres dende A Coruña co resto de membros da selección nacional.

Días atrás, o vigués xa confesara que "a Holanda imos intentar facer algo bo. Aínda que é un torneo difícil, podemos repetir o subcampionato do ano pasado en Turquía ou mesmo gañar", explica o xogador.

No Centro de Tenis Nieuwe Sloot España, subcampiona, terá como opoñentes a Estados Unidos, Gran Bretaña (defende o título), Holanda, Rusia, Turquía, Chile, Xapón e Malaisia.

A directiva, feliz por Martín

A xunta directiva que preside Viviana García segue, moi ilusionada, a traxectoria de Martín. "Empezou no wáter-polo creceu neste club e dámoslle o parabén polo campionato, ademais de que desexamos darlle ánimos para que chegue ao máximo neste deporte", sinalou a presidenta en canto coñeceu ala noticia. A máxima mandataria da sociedade recordou que o coñece "dende pequeno".

A familia, a Holanda

A familia do tenista tamén se mostraba feliz onte, especialmente porque Martín "saíu moi desconcentrado e logo soubo reaccionar" para gañar, recordaba Marta Riobó, a súa nai, moi contenta polos resultados que está a obter o seu fillo e a traxectoria dos cales leva varios anos en progresión.

Aínda que a Madrid non puideron acompañalo, a súa familia si confirmou que Martín non estará só nos Países Baixos: verano en todos os seus partidos en Holanda, o que o propio xogador agradece.

O equipo junior español para os Países Baixos está composto polo seleccionador, Lorenzo Hernández, e os xogadores De la Puente e García. Galegos os tres.

  Resultados Campionato (64.23 kB)