O Mosteiro logra a súa primeira vitoria fóra da casa

Na sétima xornada do Grupo 1 da segunda División B o Mosteiro Bembrive venceu 3-4 en terras asturianas fronte ao Boal Belleza. Os de Pitu, malia estar invictos, rompen a súa sorte de tres empates a domicilio.

O equipo vigués, novamente minguado polas baixas, comezou o encontro moi concentrado; pero en dúas xogadas illadas os locais adiantábanse 2-0. Xusto antes do descanso, Nené de forte disparo coa esquerda, situaba o 1-2 no electrónico.

Tras a reanudación, o Bembrive tirou de orgullo e experiencia, dando a volta ao marcador (2-3) con goles de Morgade e Nené. Pero unha perda inesperada nunha saída de presión daba a oportunidade ao Boal de engancharse ao partido.

Momento clave do encontro foi a expulsión por vermella directa de Morgade, que deixaba ao Mosteiro en inferioridade durante dous minutos. Momento delicado que os vigueses superaron cunha gran defensa. Esta circunstancia deu moral aos de Pitu que, a falta de dous minutos para o final, poñían o definitivo 3-4 por medio de Mario tras unha gran combinación.

Importantísima vitoria para o cadro vigués que se mantén segundo en solitario a 4 puntos do líder Noia. A próxima xornada deparará un apaixonante derbi provincial entre Mosteiro Bembrive e o recén ascendido Bueu.