Manel Fernández, mantivo unha reunión de traballo para pechar aspectos organizativos da San Silvestre 2015

IMG 6706A Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, a Federación de Peñas El Olivo e o organizador de varias probas pedestres, David Posada, mantiveron o pasado venres unha reunión co presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, para pechar a data da San Silvestre, a última proba atlética do ano.

O Concello de Vigo conta co seu apoio, experiencia e recursos humanos para preparar esta edición do evento, que se manterá no centro da cidade, no ámbito da Alameda, pero que regresa ao último día do ano.

O responsable do deporte local marcou a volta da carreira á tarde do 31 de decembro, xoves, aínda que en todo o territorio nacional a San Silvestre se celebra tanto o propio día 31 como o domingo previo.
A carreira manterá o seu carácter non competitivo e solidario, con recollida de alimentos para unha ONG, e o edil manifestou o seu desexo de que "poidamos superar os 1.400 atletas da pasada edición; cantos máis a corran, maior será a axuda recadada en alimentos", explicou.