Dende hoxe martes e ata o día 29, ata en seis puntos da cidade se poderá inscribir o cidadán que desexe participar en San Silvestre solidaria. A Fundación Vigo en Deporte, a Federación de Peñas Recreativas El Olivo, a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e os tres complexos deportivos de Máis que Auga (Barreiro, Florida e Navia) estarán dispostos a recibir, en horario de oficina, as inscricións.
Non o deixes para o último día e recibe o teu número solidario sen angustias de colas nin esperas onde mellor vaiache. O Concello patrocina unha nova edición da carreira, que o 31 de decembro (17:00 horas) sairá do ámbito da Alameda por terceiro ano consecutivo e pretende bater a marca de 1.400 inscritos rexistrada en 2014. Haberá premios aos mellores disfraces e chocolatada. Recorda que a entrega de alimentos non perecedoiros se realizará o mesmo día da proba na carpa que se instalará para o Banco de Alimentos. Alí a cambio dese quilo de axuda o participante recibirá un gorro de Papá Noel.