Manel Fernández di que o Torneo Concello de Vigo de fútbol, en Nadal, "é o evento de referencia en inverno"

torneo nadalO presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, anunciou onte a apertura do prazo de inscrición, para o III Torneo Concello de Vigo de Nadal, previsto nas modalidades de fútbol 8 e fútbol 11 durante cinco días, do 28 ao 30 de decembro e o 4 e 5 de xaneiro, en dezaseis campos da cidade.

"É unha edición moito máis elaborada e potente para que os nenos poidan desenvolver a actividade que máis lles gusta: xogar ao fútbol", asegurou o edil socialista, que avanzou unha estimación duns 2.000 mozos nacidos entre 2002 e 2012. As finais terán lugar no Municipal de Pahíño, en Navia, como noutras ocasións.

A organización, formada pola delegación viguesa da Federación Galega de Fútbol, a Asociación de Fútbol afeccionado de Vigo (Afavi) e o comité local do Colexio Galego de Árbitros e a Fundación VIDE, estará coordinada por Belarmino Alonso, Milucho. O prazo de inscrición pecharase o próximo día 21.

Na fase previa haberá trece campos operativos que serán Meixoeiro, A Pirucha (San Miguel de Oia), A Guía (Teis), A Bouza (Coia), Fragoselo (Coruxo), Penedo da Moo (Matamá), As Relfas (Sárdoma), Cotogrande (Cabral), A Gándara (Valladares), José Costas (Candeán), Baltasar Pujales (Bouzas), Monte da Mina (Castrelos) e A Xunqueira (San Andrés de Comesaña). Para a fase final entrarán en acción tres: Municipal Pahíño (Navia), As Travesas e Armando Cajaraville (Samil).

O responsable político do deporte local relatou que haberá "máis categorías", que se amplían a seis (biberón, mini, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil) a absorber tamén neste evento o Torneo VIDE de Reis, que era para os máis "peques", e tamén indicou que se contará con "máis campos" (pásase de catro a dezaseis) co obxectivo de "descentralizar o evento" e dar protagonismo ao maior número de barrios e parroquias da cidade, afirmou Manel Fernández. É un modo de implicar tamén do mellor xeito aos clubs.

As novidades deportivas son varias. As categorías biberón (nacidos en 2011 e 2012) e mini (2010) manterán os mesmos valores aplicados á exitosa liga de fútbol 7 do programa municipal de escolas deportivas: partidos sen resultado. Os nenos xogarán sen presión.

Pola súa banda, os grupos de idade prebenxamín (2008 e 2009) e benxamín (2006 e 2007) achegan outra sorpresa ao xogarse os seus partidos en catro tempos de 10 minutos cada un nos que se sumarán un máximo de dous puntos por cuarto e un punto para cada equipo en caso de empate neste; non se contabilizará o número final de goles, podendo concluír cada encontro cun resultado máximo de 4-0 se un dos equipos se impón nos catro parciais.

"Pretendemos que todos os nenos inscritos xoguen e por iso obrigaremos a que nestas dúas categorías polo menos sexan aliñados nun cuarto" manifestou Milucho, que afirmou que a organización quere fuxir de marcadores escandalosos que son pouco educativos e que se dará por perdido o partido ao equipo que non cumpra coa norma. En cambio, as categorías alevín (2004 e 2005), de fútbol 8, e infantil (2002 e 2003), de fútbol 11, disputaranse ao modo tradicional.

Os encontros serán dirixidos por árbitros federados (á rolda de prensa acudiu Jorge Cendón, o seu presidente en Vigo) e tanto Enrique González (FGF) como Daniel Costas (Afavi) celebraron a potenciación deste torneo, "bo para o fútbol vigués".

O concelleiro de Deportes incidiu en que "o torneo, que contará con cincuenta voluntarios, se consolida como o grande evento do inverno mentres a Vigo Cup éo do verán".

Coca-Cola, Faro de Vigo, Frutas Nieves, New Balance (balón oficial) VIDE, onde os clubs poden inscribirse, son os colaboradores deste torneo que patrocina o Concello e que permite a inscrición de calquera club da delegación viguesa de fútbol, dando así entrada aos concellos de Redondela, Porriño, Ponteareas, Salvaterra, As Neves, Val Miñor, Baixo Miño...

Manel Fernández tamén anunciou que haberá medallas para todos os participantes e trofeo á deportividade, ao equipo máis deportivo, á mellor afección e ao club con maior número de fichas.

Historial / Campións

  2013 (*) 2014 (**)
Prebenxamín Gran Pena Sárdoma
Benxamín R.C. Celta Victoria
Alevín R.C. Celta Coruxo
Infantil - Coruxo

                              (*) Fútbol 7.         (**) Fútbol 8.