Cabecera Vide

Bronce para Gabriel Fernández no master nacional de alfajarín 7 * de bádminton

gabrielCun Bronce, na modalidade de dobres masculinos sub-15, formando parella co ibicenco Fernando Cívico, o vigués Gabriel Fernández regresa de terras aragonesas co seu terceiro podio da tempada.

Presentábase esta cuarta proba do Circuíto nacional sub-15 de Bádminton coa presenza os 25 primeiros xogadores do ranking estatal dos 50 inscritos, xa que a cita aragonesa era a última antes da lista para o Cto. de Europa sub-15 de Kazan.

Gabriel e Cívico abrían a competición no grupo 6 de dobres cun duro enfrontamento fronte á parella alicantina-navarra Caballero/Ganuza aos que derrotaban por un axustado 21-18 / 22-20. Posteriormente vencían aos locais Arteaga/Izu por 21-10 / 21-14 e aos vascos Daza/Díaz por 21-11 / 21-11.

Deste modo accedían aos oitavos de final, onde esperaban os navarros Olcoz/Valencia, aos que superaban por un apurado 21-15 / 30-28. Con esta vitoria, vigués e balear, plantábanse en cuartos de final onde a parella mallorquina Turmo/Triay, número 3 do ranking nacional, presentábanse como un durísimo obstáculo para acceder á loita polas medallas.

Quizais no mellor encontro da tempada, Gabriel e Fernando lograban a vitoria de máis quilates dende que militan na categoría sub-15, e, nun competidísimo encontro, daban a sorpresa e derrotaban aos insulares en tres sets por 17-21 / 21-18 / 21-9.

Xa na mañá do domingo, afrontaban as semifinais ante un óso máis duro aínda, como eran os madrileños Toledano e Baschwitz, números 2 do ranking, e a próstrea vencedores da proba aragonesa. Os nosos caeron sen paliativos por un dobre 11-21.

Na proba individual, Gabriel Fernández realizou un excelente papel, xa que superou a fase de grupos, converténdose no único non cabeza de serie que accedía ao cadro eliminatorio. Venceu o madrileño Arcos por 21-11 / 21-14 e ao andaluz López (10 do ranking) en tres sets por 21-19 / 19-21 / 21-13. En oitavos de final xogou de novo contra o madrileño Baschwitz (5º do ranking) caendo derrotado por un moi digno 15-21 / 15-21.

Regresa á casa Gabriel cun grande sabor de boca polo bo bádminton despregado sobre a cancha, tanto en dobres coma en individual, e coa recompensa de subir ao podio por terceira vez na especialidade de dobres esta tempada, das catro probas do circuíto nacional que disputou.