Cabecera Vide

O Aldasa gaña por oitavo ano consecutivo o Trofeo Internacional Zuzenak

Os vigueses, a pesar de iniciar novamente o encontro sen demasiada tensión, entoáronse a partir do segundo cuarto mostrándose moito máis acertados que nas semifinais para derrotar os anfitrions no lanzamento exterior, o Caixa Vital Zuzenak (48-72).

O novo Aldasa Amfiv de Abraham Carrión cumpriu cunha tradición case obrigada na pretempada do conxunto vigués ao impoñerse por oitavo ano consecutivo no Trofeo Internacional Zuzenak, que esta tempada cumpría a súa décimo quinta edición. O cuarto partido de pretempada do Aldasa serviu, ademais, para comprobar que os pupilos de Abraham Carrión deben saltar á pista concentrados dende o asubío inicial para non ter tantos problemas nos dez minutos iniciais e para ver que este equipo evoluciona a pasos axigantados posto que hoxe na grande final ante os anfitrions solucionaron con creces os problemas sufridos no lanzamento exterior na semifinal ante o Gam Joventut de Badalona para impoñerse con claridade ao Caixa Vital Zuzenak (48-72) e regresar un ano máis a Vigo co trofeo. Por se fose pouco, os vigueses recolleron outros dous galardóns na entrega de premios que clausurou o XIV Trofeo Internacional Zuzenak ao ser elixido Lorenzo Envó como o MVP da competición e Vicky Alonso como a mellor xogadora.

O Caixa Vital presenciou o encontro de semifinais entre o Aldasa e o Joventut, tomou boa nota dos problemas dos vigueses para atacar a defensa en zona pechada dos cataláns e apostou por repetir a estratexia formulada polo Gam. A táctica deu os seus froitos, polo menos durante os dez minutos iniciais do encontro, nos que o conxunto de Abraham Carrión como xa aconteceu nos seus tres compromisos anteriores de pretempada non mostrou o seu nivel habitual. "É un tema que xa falei cos xogadores porque ante a selección de Portugal non empezamos ben o partido, ao igual que o outro día en Valladolid e onte fronte ao Joventut. Quédannos dúas semanas para empezar a tempada e corrixilo porque temos que empezar a tope e concentrados dende o primeiro minuto", explica o adestrador do Aldasa sobre o feito de que o seu equipo cedese o primeiro parcial (18-14).

Non obstante, o Aldasa reaccionou con rotundidade nos restantes dez minutos para anotarse un claro triunfo e sumar o seu oitavo título consecutivo en Vitoria. Os vigueses apertaron en defensa, permitindo que os locais anotasen unicamente 7 puntos no segundo período, co que ao intermedio xa gozaban dunha interesante vantaxe no marcador (25-39).

Ademais, os problemas no lanzamento exterior sufridos no encontro de semifinais ante o Gam Joventut non se repetiron ante o Caixa Vital posto que os pupilos de Abraham Carrión se mostraron moito máis acertados que en véspera tanto dende a media coma dende a longa distancia. Deste modo, a distancia no electrónico continuou ampliándose durante o terceiro parcial (36-55, min.30) e tampouco deixou de facelo nos últimos dez minutos ata o resultado final (48-72).

O próximo e último compromiso do Aldasa na pretempada será o sábado 17 de outubro en Ferrol ante o Basquetmi con motivo da final da Copa Galicia un compromiso para o que Abraham Carrión pode que dispoña xa do seu equipo ao completo posto que os dous internacionais que se atopan coa selección española, Bernabé Costas e Agustín Alejos, disputando o Campionato de Europa en Adana (Turquía) finalizan a competición o xoves día 15. Así, se a combinación de voos o permite, é posible que ambos os dous estean xa co resto dos seus compañeiros en Ferrol e o técnico vigués poida facer unha proba co equipo completo antes do inminente comezo da tempada o próximo 24 de outubro en Bouzas ante o Mideba Badajoz.

FICHA TÉCNICA:
CAIXA VITAL ZUZENAK: Gandía (23), Estévez (-), Regueiro (7), Urteaga (-), Lemos (8) -cinco inicial- Ruiz de Apodaka (10), Ibarreta (-).
ALDASA AMFIV: Xullo Vilas (8), Santi Comesaña (-), Leo Tahti (8), Lorenzo Envó (24), Lalo (17) -cinco inicial-, Vicky Alonso (4), David Mouriz (11) e Moncho Pombo (-).
PARCIAIS: 18-14, 25-39 (descanso), 36-55 e 48-72 (final)
ÁRBITROS: Carneiro e Corres. Eliminaron por cinco faltas persoais aos xogadores do Aldasa Vicky Alonso e Leo Tahti e por o Caixa Vital a Ruiz de Apodaka.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á final do XIV Trofeo Internacional Zuzenak. Lorenzo Envó foi elixido como MVP do torneo e Vicki Alonso, mellor xogadora.