Imprimir

Caballero anunciou que o Torneo Concello de Vigo, “unha exhibición de fútbol base”, mantén o seu carácter internacional

IMG 3987AAO alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou o carácter internacional, por segundo ano consecutivo, do Torneo Concello de Vigo de Nadal, que do 26 ao 29 deste mes pechará o 2018 a nivel futbolístico.

O rexedor, acompañado por un nutrido grupo de representantes de varios clubs da cidade, de Juan Andonegui (Frutas Nieves), Daniel Costas, presidente de Afavi e coordinador do evento, e do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou un torneo que contará con 123 equipos de trinta e un clubs e que está programado para catro categorías: tres de fútbol 8 (prebenxamín, benxamín e alevín) e unha de fútbol 11 (infantil).

“É un torneo internacional e, en consecuencia, unha exhibición de fútbol e do deporte. O fútbol é o deporte número 1, é paixón e emoción", indicou o xefe do goberno municipal.

O torneo contará con presenza maioritaria de clubs de Vigo (24), pero tamén os haberá de Mos, Nigrán, Portugal (Desportivo Monçao e Oporto), Lugo, Ourense e A Coruña (o Deportivo), mantendo o formato do pasado ano: o campionato alevín dará un ganador o venres, que o sábado se unirá no Municipal Pahiño de Navia ao Celta, Oporto, Deportivo, Lugo e Pabellón de Ourense para disputar un torneo autonómico, o Súper 6, de fútbol 8.

O Concello patrocina e impulsa esta iniciativa que entra na súa sexta edición e que “cada vez ten maior aceptación”, explicou Costas, que lembrou “a pais, nais, avós e avoas” que a entrada é gratuíta e que o torneo autonómico do sábado “é para os amantes do fútbol base”.

Caballero manifestou que “o fútbol é o primeiro deporte do programa municipal de escolas deportivas”, cun milleiro de participantes, e que o Concello “cobre as necesidades dos practicantes” coas escolas, a Vigo Cup, o torneo Concello de Vigo en Samil os sábados e o Torneo de Nadal, “sumando 6.500 participantes cada ano” entre as catro actividades.

O evento cambia este ano de formato. A fase previa de grupos xogarase nun só día, o mércores 26 polo serán en oito campos da cidade, quedando xoves e venres para as eliminatorias polo título e o sábado para as finais prebenxamín, benxamín e infantil, ademais do Súper 6.

Calendario fases previas día 26

Calendario cadros fases finais

Calendario torneo autonómico Súper 6 e horarios da xornada final

Regulamento Torneo de Nadal Concello de Vigo