Cabecera Vide

O Torneo de Nadal Concello de Vigo será un ano máis internacional e xa conta coa programación dos 213 partidos

Web Torneo Afavi

Do 26 ao 29 deste mes, un total de 118 equipos de 36 clubs disputarán o VII Torneo de Nadal Concello de Vigo, fundamentalmente vigués (27 clubs) pero que tamén convoca nas súas cinco categorías (prebenxamín, benxamín, alevín e feminino en fútbol 8 e infantil en fútbol 11) a equipos de Monçao (Portugal), Val Miñor, O Porriño, Ponteareas e Cangas, ademais do Deportivo, Lugo, Ponte Ourense e Oporto para o "Super 6" alevín do sábado 28.

O alcalde de Vigo anunciou o evento de fútbol 8 e fútbol 11 para nenos e nenas de 5 a 13 anos, que se desenvolverá en cinco campos (A Pirucha, Meixoeiro, A Bouza, Pahiño e o Federativo de Coia) do xoves 26 ao domingo 29 deste mes, poñendo o colofón a unha excelente campaña do fútbol vigués. Na presentación estivo acompañado por representantes de varios clubs (Valladares, Sárdoma, Alertanavia, Coya, Arenas de Alcabre, Nieto e San Miguel), polo presidente de Afavi e coordinador da competición (Daniel Costas), pola RFGF (Fernando Iglesias e Delfín Alonso), o edil de Deportes, Manel Fernández, e polas futbolistas Ana Iglesias (Valladares) e Laura Martínez e Ildara Pérez (Sárdoma).

"O fútbol é un deporte apaixonante e queremos vivilo singularmente no Torneo de Nadal", dixo o rexedor, que agradeceu tamén o apoio dos patrocinadores privados Hyupersa, Frutas Nieves, Gadis e New Balance, firmas que están con este evento ao que lle da pulo o Concello. Ao acto acudiron por elas Juan José Paz (Hyupersa Vigo), Juan Andonegui (Frutas Nieves) e Pablo Tojeiro (New Balance).

Co cadro feminino como novidade (xogadoras nacidas antes de 2007), equiparándose así o campionato á Vigo Cup estival de fútbol 7, Caballero celebrou que once equipos pelexen polo triunfo na categoría feminino, entre eles a representación do fútbol vigués na 1ª División Nacional (Sárdoma e Valladares).

O alcalde indicou que o campionato reunirá uns 1.800 participantes: "Unha gran mobilización deportiva mesmo cando Vigo é lugar de atención de todo o mundo", subliñou.

pdf Grupos e categorías do VII Torneo Nadal Concello de Vigo (228 KB)

pdf Fase previa prebenxamín (51 KB)

pdf Fase previa benxamín (48 KB)

pdf Fase previa alevín (65 KB)

pdf Fase previa feminina (80 KB)

pdf Fase previa infantil - fútbol 11 (58 KB)

pdf Horarios e xogos do torneo autonómico alevín (230 KB)

pdf Tódolos cadros da fase final de fútbol 8 e fútbol 11 (1.07 MB)

pdf Regulamento do Torneo de Nadal 2019 (407 KB)