Cabecera Vide

Xabier Alonso felicitou á windsurfista Lara Lagoa, bolseira de VIDE, pola súa clasificación para os Xogos Olímpicos da Mocidade

laralagoaO presidente da Fundación VIDE e concelleiro de Deportes de Vigo, Xabier Alonso, recibiu hoxe no seu despacho á windsurfista viguesa Lara Lagoa, que se acaba de clasificase para a primeira edición dos Xogos Olímpicos da Mocidade, en Singapura no vindeiro mes de agosto organizados polo COI.

 

A proeza da deportista, bolseira pola Fundación VIDE en 2009 e que compite co Náutico de Cangas, xestouse no Campionato de Europa da clase techno, en Cádiz, do 29 de decembro ao 5 de Janeiro pasados. “Non pensaba clasificarme nin de broma porque ían só catro países representando a Europa”, confesoulle ao concelleiro nacionalista. Pero rematou sexta e, como por diante había catro de dous países, España obtivo o cuarto lugar que daba billete para os Xogos.

Xabier Alonso, que se interesou polo desenvolvemento da competición e polos seguintes obxectivos de Lagoa, felicitouna pola súa traxectoria nos últimos anos e entregoulle un libro sobre a cidade como obsequio da Concellería. Tamén dixo sentirse “moi satisfeito” con Lara porque “estás levando o nome de Vigo por todo o mundo”.

Lagoa (Vigo, 1994), que na recepción estivo acompañada polo seu pai, cursa estudos no instituto Santo Tomé e tamén estuda actualmente catro idiomas (inglés, francés, italiano e alemán), o que sorprendeu ao concelleiro, encantado co esforzo tanto deportivo como nos estudos da deportista, e invitouna de novo a presentarse á convocatoria de bolsas VIDE deste ano.

Lagoa ten en 2010 un ano pleno de competicións de alto nivel: unha proba de repesca para os Xogos Olímpicos da Mocidade, en Francia, “á que irei como preparación para Singapura”, dixo, o Campionato de España en xuño (Baleares) e o Campionato do Mundo (finais de xullo).