Cabecera Vide

Novo título de Campión Galego de xadrez para a Universidade de Vigo

samuel-villarSamuel Villar suma un novo título para a Universidade de Vigo ao proclamarse Campión Galego Sub18. Entre o pasado sábado 13 de febreiro e o martes 16 disputáronse na localidade de Pontedeume dous torneos decisivos para o xadrez de base en Galicia: os Campionatos Galegos sub14 e sub18.

Con tan só 15 anos, Samuel Villar confirmou ser un dos máximos expoñentes do xadrez galego nun torneo case impecable no que acadou cinco victorias e tan só concedeu tres empates.

Acadaron tamén excelentes resultados en sub18 Brais Otero, que se clasificou en cuarta posición, e David Pérez, quinto clasificado. No que respecta á categoría feminina, Marina Aguirre fíxose co bronce, aínda que na clasificación xeral estivo case a metade de táboa, ocupando o posto número 28 de entre os 58 participantes.

Grazas ao éxito logrado neste campionato, tanto Samuel Villar como Brais Otero, David Pérez e Marina Aguirre representarán a Galicia no Campionatos de España Sub18 que se celebrarán na localidade de Linares (Jaén) entre o 25 de xuño e o 1 de agosto deste ano.

Clasificación final www.fegaxa.org/fotos/1266397700_vmzI.pdf

Os excelentes resultados acadados polas novas canteiras de xadrecistas da Universidade de Vigo colocan á institución, un ano máis, como principal referente do xadrez en Galicia.

Volta a Liga Galega de Xadrez

Tralo parón en liga da pasada fin de semana para disputar os campionatos sub14 e sub18, este sábado día 20 volta a competición na Liga Galega de Xadrez, e faino cun dos encontros máis apaixonantes, xa que o “Universidade de Vigo” desprazase ata Mondariz-Balneario para enfrontarse ó “Marcote A”, o actual Subcampión de España, que leva proclamándose como Campión da Liga Galega de División de Honra dezasete anos ininterrompidos.

O resultado deste encontro pode resultar decisivo de cara a clasificación final desta Fase Regular da Liga Galega de Xadrez. Os universitarios viaxan como líderes da clasificación pero a tan só medio punto de vantaxe sobre o Marcote, polo que o encontro promete ser un dos máis intensos e emocionantes da liga.

Toda a información relacionada pódese seguir na páxina web da Sección de Xadrez, www.webs.uvigo.es/xadrez e na páxina oficial da Federación Galega de Xadrez www.fegaxa.org.