Cabecera Vide

VIDE acorda manter o carné Siareiros Club, unha iniciativa solidaria co deporte de formación

manelO programa Siareiros Club (Base) continuará a tempada 2012/2013 como unha das actuacións estrela de VIDE, segundo acordou hoxe o presidente da Fundación Vigo en Deporte, Manel Fernández, coa maioría das entidades deportivas adscritas a esta actividade.

Nunha reunión mantida na sede de VIDE e que durou ao redor de hora e media, o concelleiro de Deportes, na súa calidade de responsable da fundación, manifestou aos representantes dos clubs o seu "pleno compromiso", dixo, con esta idea nacida en 2002. E iso "a pesares de que os tempos non son fáciles".

O carné de Siareiro Club, que é máis unha filosofía solidaria que un forte desembolso para o afeccionado (pídense 6 euros por cartón de socio), roldou as 5.500 adhesións na tempada xa finalizada, o que significa unha achega directa de máis de 30.000 euros para os clubs asinantes. E, ademais, con esta aposta as máis de vinte entidades que subscribiron o convenio puideron utilizar de forma gratuíta as instalacións do IMD nunha gran parte dos seus adestramentos. Ese aforro é superior á cantidade recadada por abonados.

Na reunión, que concluíu con diversas preguntas dos clubs, Manel Fernández anunciou que para a tempada próxima VIDE asumirá 30.000 euros en gastos de adestramentos, unha forte cantidade pero que non será a única iniciativa para primar ao deporte de base, que é "obxectivo principal" do presidente de VIDE e concelleiro do goberno local.

Para o responsable do deporte vigués, "Siareiros é un proxecto común, de unión, colaboración e solidariedade, que continuará na medida que aos clubs lles interese", e insistiu que "a vocación de VIDE vai ser apoiar ao deporte de formación da cidade".

O presidente explicou ás entidades deportivas o seu desexo de optimizar programas e dar máis protagonismo á base; ademais, asegurou que haberá algunhas actuacións novas que complementen a doazón dunha cantidade para pagar instalacións por adestramentos, pero sempre en función das posibilidades económicas da Fundación VIDE. Os clubs asinarán o novo convenio coa fundación en setembro, e será a partir desa data cando Vigo en Deporte estude co IMD a petición de horas de adestramento solicitada polas entidades.

O concelleiro de Deportes e presidente de VIDE animou aos clubs a duplicar o número de Siareiros Club, é dicir, pasar a 10.000 afeccionados e afeccionadas entendendo que as entidades necesitan de moitos pequenos apoios nestes tempos.

Sorteo dunha viaxe ao Caribe. Na reunión, o edil anunciou que este mesmo verán estarán dispoñibles tamén 60.000 boletos para o sorteo dunha viaxe ao Caribe, cortesía de Eroski Viaxes. Esta iniciativa, dirixida a calquera cidadán, supón que pola doazón de 1 euro, o posuidor do boleto ten dereito a participar no sorteo.

En 2011, os clubs do programa Siareiros recadaron con esta iniciativa 29.000 euros (18.000 os de Base e 11.000 os de Elite). A anterior oportunidade, en 2008, significou a consecución de 11.000 euros. Estas cantidades repártense íntegra e directamente entre os clubs. O sorteo terá lugar en decembro, a fin de que as entidades poidan colocar con tempo as participacións.