Cabecera Vide

A mensaxe "Mírame aos ollos e dime que aínda non es siareiro" salta da web ao xornal

saracamp"Mírame aos ollos... e dime que aínda non es siareiro", lema iniciado no portal oficial en internet da Fundación Vigo en Deporte hai varias semanas, converteuse en publicidade en papel esta semana na páxina que o diario decano da prensa nacional, "Faro de Vigo", cede cada sete días a VIDE.

A mensaxe compleméntase cos que en setembro comezaron a ser contrasinal da nova tempada deportiva, Vigo co deporte e Saca ou siareiro que levas dentro. Esta posición débese ao pulo que o presidente de VIDE, Manel Fernández, quixo dar ao programa dende que foi designado para levar as rendas do deporte local.

Na web, Pavol Polakovic, xogador eslovaco do Academia Octavio (Liga Asobal), foi o primeiro que se prestou para a campaña, tomando a substitución en datas pasadas os ollos de Sara Gómez, unha arousana que é capitá do Celta Bosco (Liga Feminina) e un dos valores do baloncesto galego actual.

A campaña de fomento do programa Siareiros, que pretende que os doce clubs de elite inscritos nel gañen masa social, co que isto leva de ingresos extras en concepto de socios, xa logrou o apoio de destacados deportistas de elite e base de Vigo, que pousaron no Centro de Recepción de Visitantes de Turismo de Vigo, na Laxe, e dos capitáns e capitás dos doce clubs, pero tamén elixiu localizacións emblemáticas, achegándose por exemplo ao castelo de San Sebastián para buscar unha imaxe referente da cidade.

O esforzo realizado dende VIDE e o propio compromiso dos clubs supuxo que xa se conseguiron esta tempada uns 500 siareiros e siareiras elite máis respecto da cifra da campaña 2010/2011. E en próximas datas entran en xogo dous equipos femininos que aínda están de pretemporada, o Xuvenil de Teis (voleibol) e o Vigo Stick (hockey a patíns).