Cabecera Vide

Xuvenil de Teis e U.B. Lavadores, mellores clubs Siareiros da tempada pasada

siareirosweb1Os clubs Xuvenil de Teis (voleibol feminino) e Unión Balonmán Lavadores (balonmán masculino e feminino) foron designados hoxe mellores entidades deportivas do programa Siareiros (Elite e Club) pola Fundación VIDE, responsable dun programa que abrangue a preto de corenta clubs.

Nun acto celebrado nas Travesas durante o descanso do partido Octavio-Naturhouse La Rioja, da Liga Asobal, VIDE entregou os seus premios da campaña pasada.

Este ano, Vigo en Deporte separou os premios da presentación da tempada, o martes no Concello, para achegar os trofeos do curso anterior á propia afección siareira. E elixiuse o encontro do Octavio por ser este un club pertencente a ese programa.

No transcurso do acto tamén se procedeu a sortear o ciclomotor doado pola firma Movisa, que foi para unha afeccionada do Club Voleibol Vigo, Carolina Pérez Cid.

No descanso do partido Octavio-Naturhouse La Rioja, no pavillón central das Travesas, celebrouse a entrega dos Premios Siareiros da tempada pasada, a 2011/2012.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, asistiu á entrega dos premios xunto co presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o xerente de Movisa, Juan Luis Carro, e o presidente do Octavio, Javier Rodríguez, como club Siareiro Elite e anfitrión.

O mellor club Siareiro Elite 2011/2012 foi o Xuvenil de Teis, club creado no ano 1986 e que traballa coa base na zona de Teis, contando tamén cun equipo feminino na Liga FEV. Ruth Calvo, a súa presidenta dende 2009 (tamén foi xogadora da entidade), recolleu o trofeo.

O premio ao mellor club Siareiro Base 2011/2012 da tempada pasada foi para o Unión Balonmán Lavadores, unha entidade con equipos masculinos e femininos e fiel ao programa Siareiros. O seu equipo cadete feminino foi campión de Galicia e acudiu aos sectores do Nacional.  Francisco Javier Rodríguez recibiu o trofeo, cos símbolos da cidade: o castelo e a oliveira.

O Voluntario do ano foi para José Antonio Moreno, que xa leva catro tempadas adscrito ao programa de voluntariado e sempre está disposto a traballar arreo a prol do deporte local, ben en partidos, ben en eventos de todo tipo ou na Vigo Cup, o torneo internacional de fútbol base.

Hai un trofeo máis reservado ao apartado da afección que se desvelará en vindeiras datas ao non poder estar presentes as dúas socias premiadas.

Ciclomotor donado por Movisa. No acto sorteouse, entre preto de 9.000 siareiros e siareiras da campaña 2011/2012, o ciclomotor Piaggio Zip 2T, donado por Movisa, que foi para Carolina Pérez Cid, afeccionada do Club Vigo Voleibol. Carro extraeu tres nomes máis como reservas.