Cabecera Vide

O vigués Gabriel Fernández dobre vencedor do Master sub-13 de bádminton, en Oviedo

badmintonDisputouse esta pasada fin de semana o Máster sub-13 e sub-17 de badminton, na Corredoira Arena da Capital do Principado. A representación galega foi amplía e con bos resultados, pero, por enriba de todos, destacou a actuación do xogador vigués Gabriel Fernández, xogador que adestra no CGTD en Pontevedra ás ordes doutro vigués, Rafael Vázquez.

     Gabriel venceu, na final individual do Máster, o xogador Omar Vila nun disputado e igualado encontro, que se resolveu no terceiro set, con parciais de 21-16 / 16-21 / 21-13, sendo este o único set que cedía no campionato.

      Pero vinte minutos antes de disputar a final individual, Gabriel Fdez. vencía, formando parella co vasco Iñigo Daza, na final de dobres, tamén en 3 sets, á parella cabeza de serie nº 1 composta polo seu irmán Jacobo Fdez. e o coruñés Carlos Fdez., polo resultado de 18-21 / 21-15 / 21-13.

      Este foi, xunto co logrado en Estella, o segundo dobrete de Gabriel nesta tempada en probas do circuíto nacional sub-13, onde obtivo, nas 6 probas disputadas, en ambas as dúas modalidades de individual e dobres, 6 ouros, 4 pratas e 1 bronce. Pola súa parte, o seu irmán Jacobo Fdez., tamén pertencente ao CGTD e sendo un ano máis novo, conseguiu 2 oros, 2 pratas e 2 bronces.

Con esta proba péchanse as competicións do circuíto nacional por esta tempada, e aos irmáns vigueses xa só lles queda por disputar o Campionato de España sub-13, que se celebrará do 5 ao 8 de xuño na mesma instalación ovetense onde xogaron esta fin de semana.