
Rica Taboada (Vigo, 1984) comezou firme a súa participación nestes Europeos de San Petersburgo, en -57 quilogramos, fronte á representante de Gran Bretaña Carla Summerhill, a quen gañou cun cómodo 6-3.
Na seguinte rolda veuse as caras coa representante de Polonia, Aleksandra Uscinska, que pasou directamente a estes oitavos de final. Rica superouna tamén con relativa facilidade (7-4).
Pero para loitar polas medallas a galega tiña que pasar un último chanzo e era fronte a ucraína Yuliua Podolian. E foi un combate moi igualado que finalizou con empate (4-4) e tivo que decidirse no punto de ouro, que nesta ocasión favoreceu a Podolian. Non puido ser e a viguesa quedou sen a posibilidade de pelexar por un metal.
É como se os Europeos foran gafes para Andrea. En Bonn 2006 conqueriu un bronce, por nada en Roma 2008. Porén, nos Mundiais a viguesa afíxonos a chegar ás semifinais e gañar alomenos o bronce (Beijing 2007 e Copenhague 2009), mesmo na Universiada de Izmir no 2005 (prata).
Tampouco tivo sorte Rebeca Mariño (Natural Sport, -53 quilogramos), xa que na primeira rolda tivo unha rival de grande entidade, a británica Jade Jones, que ven de proclamarse subcampioa mundial júnior no mes de marzo e amosou un gran nivel fronte á nosa representante (3-9), que tamén o é da Universidade de Vigo.