
Entre venres e sábado, o segundo deporte da cidade non parou. Onte sábado, o Pilotes gañou sufrindo. Once goles do vigués "Cerillo" Fernández (5 de penalti) mantiveron ao conxunto académico como invicto e colíder da competición logo de tres xornadas. Ante uns 600 espectadores, os de Quique Domínguez superaron a un gran rival que tomou o mando dende o 9-10, maniatou o contragolpe "rojillo" e só cedeu o control do electrónico nos segundos finais. Cerillo marcou de penalti e os vigueses salvaron un partido que chegaron a ir perdendo por catro goles na segunda metade.
Tamén este sábado, na localidade alemá de Herzogenaranch, España resultou elixida pola IHF como organizadora do Campionato do Mundo masculino de 2013. No dossier da candidatura non figuraba ningunha cidade galega, pero a Federación Galega de Balonmán que preside José Luís Pérez Ouro xa anunciou o seu desexo de que Galicia non quede excluída e así llo fará saber a Juan de Dios Román, presidente da RFEBM. O dirixente, que antes foi adestrador e seleccionador nacional, ten en moita estima a Galicia.
O vindeiro Mundial, no 2011, xogarase en Suecia do 13 ao 30 de xaneiro. O de España, a edición número 23, será tamén en xaneiro, pero do 2013.
Este venres 1 de outubro, Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, reuniuse co xerente de Asobal, Jordi Pallarés, para definir algúns temas sobre a LIV Copa do Rei, do 6 ao 10 de abril de 2011. Finalmente, Concello e Asobal apostan polo pavillón das Travesas (3.300 espectadores, todos sentados) en lugar do Ifevi, como se pensaba meses atrás. O club organizador, Octavio, prefería As Travesas, a Asobal tamén creu que é máis operativa unha pista con tanta historia para centralizar as actividades paralelas, moitas, e o Concello aforrarase gastos de montaxe no Instituto Feiral de Vigo.
Tamén se pactou que o novo pavillón de Navia, con capacidade para 1.500 espectadores e que se inaugurará este ano, será a sede da minicopa de balonmán, entre os equipos cadetes dos oito clasificados, con final nas Travesas. O sorteo do cadro da Copa será en xaneiro en Vigo. Pallarés e o concelleiro de Deportes seguen ademais achegando posturas para que Vigo reciba a XXI Copa Asobal en decembro, quince anos logo da anterior oportunidade que tivo o pavillón central como escenario.