Cabecera Vide

VIDE busca información de Marisa García Pena, a mellor deportista local de todos os tempos

marisa11Chámase María Luisa García Pena (na imaxe, de xaneiro de 1970 no "Faro Deportivo"), naceu en 1948, segundo datos extraídos dos medios de comunicación da época, e, aínda que hoxe en día o nome poida soar só a uns poucos, é a deportista viguesa máis grande de todos os tempos.

Quince veces campioa de España absoluta ao aire libre (hexacampioa en disco, pentacampioa en xavelina e tetracampioa en peso), segundo recollen os datos da RFEA, foi atleta internacional do Real Club Celta e internacional absoluta de balonmán en dezasete oportunidades. Ademais, xogou en Estudiantes primeiro e Celta despois en baloncesto nos anos 60 e tamén xogou ao hóckey herba, unha disciplina practicada por mulleres na cidade dende os anos 30 e que nos anos 60/70 logrou colocar algunhas xogadoras como internacionais senior.

A Fundación Vigo en Deporte, que preside Xabier Alonso, tenta solicitar información sobre o seu actual paradoiro. VIDE está a actualizar diversos datos sobre o deporte feminino vigués para dar a coñecer nun futuro próximo e considera a García Pena como un dos principais eixos para comprender as vicisitudes, crecemento e consolidación do deporte feminino local.

Nas últimas semanas, tras infrutuosas pescudas, a información existente sobre a multidisciplinar deportista situábaa en Munich dende os anos 70 e, talvez agora, en Estados Unidos. Xornalistas e directivos que compartiron con ela anos gloriosos perdéronlle a pista anos despois de abandonar Vigo para residir en Alemaña Federal.

María Luisa García, coñecida por medios de comunicación e público como Marisa García, era filla de Salvador García (falecido hai anos), director do Centro Deportivo Municipal cando se inaugurou o complexo das Travesas (1968), agora IMD, e tamén concelleiro naqueles anos.

En 1963, Marisa foi foco de atención dos medios ao alzarse co Campionato de España de xavelina en Barcelona o ano que o atletismo feminino volvía por fin a escena (o último campionato tivera lugar en 1935). Tiña 15 anos. Luis Miró, un histórico do deporte vigués, era o seu adestrador. A prensa non tardou en convertela en exemplo. En 1967, "El Mundo Deportivo", que entregaba anualmente os premios nacionais co apoio da Delegación Nacional de Deportes (agora CSD), catalogaba á plusmarquista como a mellor atleta feminina española (tamén competía en salto de lonxitude, 200 metros e en pentatlón), xusto cando o seleccionador Domingo Bárcenas chamábaa para competir coa selección española de balonmán, deporte que practicara tamén durante a súa estancia en Madrid. Ese ano, Vigo recoñeceu os seus éxitos cun galardón na I Festa do Deporte Vigués, polos resultados atléticos obtidos en 1966. Sucedeulle o mesmo en 1968 polas vitorias en 1967.

García Pena, que chegou a ter unha tenda de deportes nas Travesas e conducía un 600, era monitora de ximnasia e traballaba para algúns colexios vigueses. Coa selección española de atletismo debutou nun encontro internacional contra Portugal (1964). Os seus éxitos non pasaron desapercibidos a nivel estatal e en 1966 xa foi incluída na lista de candidatas a mellor deportista española do 65, cando conquistou o seu primeiro triplete en disco, xavelina e peso. "Foi unha muller adiantada ao seu tempo", din dela os que a coñecían.

A partires de 1972 a súa vida deportiva trasládase a Múnic, aínda que seguirá conservando ficha federativa co Celta. En Alemaña correu para o SV Post, o equipo de Correos, e en balonmán xogou co Bayern.

No atletismo feminino, só a marchadora María Vasco e a mediofondista Carmen Valero igualan o seu número de títulos ao aire libre e a falecida Ana  María Molina (finou no ano 1979) supera ese rexistro (17). García Pena tamén foi campioa de España en pista cuberta en peso (1966 e 1968). Precisamente en maio de 1968, no descuberto "Nuevo Campo", viviu co Estudiantes a incrible eliminatoria de permanencia na Liga Nacional, na que as xogadoras de Boliche remontaron 31 puntos de desvantaxe do partido de ida (60-29) para gañar na volta en Vigo ao Real Zaragoza 71-38, con canastra decisiva da internacional María del Carmen Martínez a cinco segundos do final. E o Estudiantes evitou o descenso. Marisa aportou 14 puntos na cidade do Pilar e 18 en Vigo. O baloncesto feminino vigués nunca perdeu a máxima categoría por resultados deportivos.

A súa capacidade para destacar en deportes ben diferentes era espectacular. Na tempada 67/68, por exemplo, tivo tempo para xogar co Estudiantes (baloncesto), co Celta en balonmán (era a primeira experiencia como sección) e ir concentrada co equipo de atletismo a Madrid. Ata estivo metida nunha polémica por unha normativa que non permitía ás mulleres xogar en dous deportes de equipo. O Creff vigués reclamou a súa derrota diante do Celta e a Federación Provincial dáballe a razón ao equipo reclamante. O caso, que chegou ás instancias federativas madrileñas, rematou sen sanción para o Celta e obrigando á xogadora a competir nun único deporte de equipo... aínda que a selección de balonmán seguiría a chamala. Meses despois, o Creff fichaba á viguesa.
Se ten algunha información sobre como contactar con ela, pode indicalo no seguinte correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.