Cabecera Vide

O Blusens Uvigo gañou e sae do descenso na División de Honra de rugby

O Blusens Universidade de Vigo Rugby deu un paso adiante no seu obxectivo de permanencia na División de Honor ao gañar ao CR La Vila por 25 a 12, nunha xornada dominical marcada polo forte temporal de frío, choiva e vento que azoutou As Lagoas durante todo o partido. Os vigueses, ademais, obtiveron punto bonus por pousar 4 ensaios.

Malias inclemencias do tempo, que en principio prexudicaban máis ao Blusens Universidade, o equipo vigués dominou o partido de principio a fin, xa que aos 3 minutos xa se poñía por diante no marcador tras un ensaio do alicerce Talakai.

O vento tamén privou ao acertado apertura Moeke, outra vez tomando as mellores decisións e repartindo xogo no liña con perigo, de pasar varias patadas, xa que dos catro ensaios só pasou unha. Si no minuto 3 chegou o primeiro, o segundo non se fixo esperar, xa que aos 10 minutos un roubo na liña, con movementos rápidos, chegou o balón a Mauro González que apoiou para deixar o parcial no marcador de 10 a 0.

Semellaba que o partido ía ser un paseo para o Blusens, pero La Vila amosou a súa mellor cara para aguantar e emparejar o xogo, o que acompañado co estado pesado do terreo facía do partido un ir e vir de patadas a campos contrarios. O forte vento impedía o xogo á man polo que o choque tornouse áspero nas disputas dos balóns, e nunha xogada illada con golpe a favor dos vileros, e distracción de equipo olívico, chegou o primeiro ensaio visitante por medio de Francisco Martínez. No minuto 32 o resultado era de 10 a 5.

Antes do descanso, en idéntica xogada á anterior, Isaia Tuifua, onte rompendo a defensa cantas veces quixo, xogou o balón rápido e abriuno para que Mclaren pousase o balón, que coa patada de Moeke poñía as cousas ao descanso por 17 a 5.

Comezou o segundo tempo e o terreo xa estaba moi pesado, e a pesar do dominio táctico, territorial e de xogo do Blusens Universidade o marcador inauguraríase para A Vila que tras xogada de Sorribes índose de todos, pousa o oval baixo paus para poñer as cousas 17 a 12. Pero o froito do traballo dos vigueses non tardaría en chegar, coa dianteira embistindo aos visitantes, nun "ruck" sobre a liña de ensaio, Talakai recolle o balón e de novo póusao para o seu segundo ensaio do partido, e que daría o bonus ao Blusens Universidade. A partir de aí o xogo foi un intercambio de patadas e con algúns intentos de xogadas hilvanadas polos vigueses, e así no derradeiro minuto o árbitro do partido decreta un golpe de castigo centrado a favor dos locais que Moeke non desaproveita para sentenciar o partido e deixar o resultado final de 25 a 12.

Xusto resultado que confirma o bo momento de xogo e de confianza do Blusens Universidade, que o vindeiro domingo se despraza a Sevilla a xogar ante Cajasol Ciencias. Para ese partido confirmou a súa presenza Carlos Blanco, que esta fin de semana disputou o Seven das Vegas coa selección española. O Blusens Universidade sae agora dos postos de descenso con 24 puntos, adiantando nun a Hernani e, ademais, cun partido menos.

FICHA TÉCNICA

25. Blusens Universidade de Vigo: Oscar Ferreras, Vicente Prieto, Latu Talakai, David Redondo, Carlos López Marqués, Chris Mclaren, Adrián Fernández, Alejandro Blanco, Joaquín Maguna, Ash Moeke, Mauro González, Isaia Tuifua, Javier Parga, Basilis Katsakos, Adolfo Uruburo. Tamén xogaron: Juan Manuel Rodríguez, Javier Abadía, Carlos de Cabo e David Riveiro. Suplentes: Anxo Fernández Varela, Rubén Rodríguez e Marcos Muñiz.

12. CR La Vila: Haeffeli, Delgado, Sanz "Pepín", Paco Martínez, Tilford, Guillem Carrión (cap.), Aristemuño, Metral, Chivers, Quirante, Quintero, Villalba, Lamboglia, Coronel, Sorribes. Suplentes: Perona, Nicolás Martínez, Lucas Poggi, Jiménez, Gómez "Yustin" e Marín.

Tanteador. Min 3: Ensaio de Talakai, 5 a 0. Min 10: Ensaio de González, 10 a 0. Min 32: Ensaio de Martínez, 10 a 5. Min 40: Ensaio de Mclaren, transformado por Moeke, 17 a 5. Min 50: Ensaio de Sorribes, transformado por el mesmo, 17 a 12.  Min 50: Ensaio de Talakai, 22 a 12. Min 80: golpe de Moeke, 25 a 12.

Incidencias: o árbitro Gallastegui (colexio vasco), nun partido moi limpo non amosou cartóns amarelos. Unhas 300 persoas a pesares do tempo animaron ao Blusens Universidade.