Cabecera Vide

A Gala do Deporte, hoxe no Centro Cultural Caixanova

logo-11-gala-deporteO Centro Cultural Caixanova será hoxe o escenario, dende as 20.30 horas, da undécima edición da Gran Gala do Deporte Vigo e a súa Comarca, na que o xurado dará a coñecer aos dous mellores deportista do 2009, un home e unha muller. Tamén haberá un premio para as dúas mellores promesas e non faltará tampouco o apartado das mencións especiais, cunha especial atención ás empresas que, nun ano de crise como este, seguen prestando o seu apoio ao deporte da cidade.

Un total de 44 nomeados optan ao máximo galardón deste gran evento deportivo e social. A lista de candidatos foi proposta por cada unha das federacións deportivas e aprobada polo xurado, presidido polo concelleiro de Deportes de Vigo, Xabier Alonso; e composto por Benigno da Torre e Juan Carlos Álvarez, en representación do xornal “Faro de Vigo”; e un representante de cada un dos grupos políticos da Corporación municipal: Pablo Beiro, do PP; María Méndez, do BNG; e Carlos Font, do PSOE; e da xerente da Fundación VIDE, Laura Magdalena, nos labores de secretaria do xurado.

As bases do evento establecen como requisito indispensable que cada un dos nomeados, que optan a suceder no cadro de honra da gala ao decatleta olímpico David Gómez e á xogadora de balonmán Begoña Fernández, premiados na pasada edición, participen nun campionato de España, Europeo ou Mundial, ou que fosen internacionais coa selección española na súa respectiva modalidade deportiva.

Ademais de distinguir ao mellor deportista masculino e feminino, a organización tamén entregará un premio especial aos mellores deportistas masculino e feminino menores de 19 anos que destacasen en 2009 e cuxa actuación mereza ser resaltada. O nome destes premiados tamén será desvelado na gala.