
O concelleiro de Deportes e presidente da fundación, Manel Fernández, lanzou as dúas novas propostas tras consultar aos clubs adscritos ao programa Siareiros e coñecer e evaluar as propias inquedanzas de pais e nais que cada ano inscriben aos seus fillos no campus do Central.
Así, o campus das Travesas continuará co prezo conxelado (70 euros por inscrición) e o seu horario vai das 9:00 ás 18:00 horas, mentres que os novos campamentos da ETEA e Samil custarán 45 euros e serán matinais (9:00 a 14:00 horas).
Tras terse reunido con varias entidades deportivas, o edil anunciou as actividades que os nenos gozarán en cada campus. Así, nas Travesas poderán xogar a baloncesto, balonmán, voleibol, fútbol sala, hóckey a patíns, deporte adaptado, natación, béisbol, rugby, bádminton e ciclismo, contando ademais coa excursión ás Cíes.
Na ETEA as modalidades elixidas son ximnasia acrobática, rugby e remo, mentres que no complexo municipal de Samil gozarán de tenis, pádel (as tres pistas están sendo reparadas) e kayak.
Para os campus, VIDE e a Concellería de Deportes contan con monitores e adestradores dunha federación (Federación Galega de Tenis) e de quince clubs da cidade: Academia Octavio, Celta Bosco, C.D. Mosteiro Bembrive F.S., Vigo Voleibol, Xuvenil Teis, Traviesas HC, C.D. Amfiv, Halcones de Vigo, Bádminton Rachaplumas, Club Ciclista Vigués, Flic Flac, Vigo Rugby, Club de Remo Virxe da Guía, Pádel Feminino Cíes e Club Kayak Vigo.