Cabecera Vide

Novo éxito do programa “Aprende dos que máis saben” trala visita do Celta Indepo ao CEIP Fleming

visitaflemingO Celta Indepo, equipo da Liga Feminina de baloncesto, visitou hoxe o CEIP Fleming, onde se presentou a nenos e nenas de 11 e 12 anos aos que impartiu unha pequena clase de baloncesto que se desenvolveu no ximnasio do centro por culpa da choiva.

Pilar Valero, capitá do equipo, Sara Gómez e Dragana Svitlica estiveron acompañadas polo presidente da Fundación Vigo en Deporte, Xabier Alonso, e a xerente de VIDE, Laura Magdalena. O obxecto desta visita é levar aos clubs de elite de Vigo, masculinos ou femininos, a todos os centros escolares da cidade para fomentar a práctica do deporte e tamén para un coñecemento máis directo dos excelentes equipos con que a cidade conta.

Durante media hora, e tras ser presentadas polo presidente de VIDE, as xogadoras explicaron algúns datos básicos sobre a modalidade deportiva que practican e sometéronse a unha batería de preguntas, tímida inicialmente, máis solta a medida que pasaban os minutos, tras a que deron paso a uns xogos con dúas canastras, moi celebrados polo alumnado. Xabier Alonso instruíu aos escolares recordándolles que “o Celta posúe nove títulos de Liga e Copa conquistados ao longo da súa historia”, e pediu á súa infantil audiencia que “ao chegar a casa preguntédeslle aos vosos pais cal é o equipo de Vigo que máis títulos gañou; vós xa o sabedes”.

Pilar Valero conectou dende o principio con nenos e nenas aos que lles explicou que “o baloncesto achega moitos valores á persoa, tanto de compañeirismo como de solidariedade”, dixo, e insistiu en que “é un deporte moi de equipo, cuns valores moi bos”. Valero relatou que empezou moi tarde, “aos 15 anos, a practicar baloncesto”, mentres Sara Gómez comentou que ela comezou “no fútbol, pero con 11 anos as miñas amigas convencéronme para xogar ao baloncesto”; Svitlica xogaba “a todo o que facían os meus irmáns”, ata que a enganchou o baloncesto. Precisamente sobre ela Valero dixo que, “a pesares de ser estranxeira (bosníaca), aos tres meses xa sabía falar castelán”.

Varias preguntas estiveron relacionadas cos mates. “Laura Nicholls, unha xogadora que estivo no Celta, facíaos, e hai americanas que tamén “machacan”, comentaron as célticas. Inevitablemente, a pregunta do millón chegou, aínda que foi a última: “Canto cobrades? Nada, non nos pagan, que hai crise”, respostou Valero en broma. Logo, nenos e nenas realizaron en dous grupos entradas a canastra con manexo de balón, terminando o acto cunha foto de grupo.

A visita estivo enmarcada dentro do programa “Aprende dos que máis saben”, no que están embarcados os once clubs de elite da cidade coa Fundación VIDE. Dezaseis colexios inscribíronse na tempada 2008/2009 (uns 1.400 alumnos e alumnas) e este ano xa foron sete centros e 400 alumn@s.