Cabecera Vide

O VSK Traviesas comezará a pretempada a vindeira semana pensando na OK Liga feminina

quiqueO Vigo Stick Traviesas comezará os adestramentos a vindeira semana. O club vigués, que traballa nos últimos días para perfilar o seu salto á OK Liga feminina, dispón de oito xogadoras de pista e unha porteira, todas de Vigo, e a directiva estudará nas próximas horas a posibilidade dalgún reforzo, especialmente galego e/ou portugués, con prioridade absoluta para a portería, onde o club só conta cunha gardameta.

Enrique Urdiales, presidente do VSK (na imaxe), xestiona un patrocinador co que cubrir unha tempada con dez desprazamentos a Cataluña, algo que non ocorre en ningunha outra modalidade deportiva e que significa numerosos gastos en billetes de avión. A ilusión e interese no Vigo Stick e no Traviesas H.C. son enormes. Sería a primeira experiencia do hóckey a rodas na máxima categoría, liga que a Federación Española de Patinaxe puxo en marcha en 2007, aínda que non na elite.

E que Vigo xa competiu cos mellores equipos do país desde 2000 grazas ao Castrelos, ao Ureca e ao propio Vigo Stick Traviesas, ao disputar o Campionato de España senior, a única competición estatal que existiu ata 2008 e que, en formato de liguiña por concentración e/ou eliminatorias, reunía aos campións dos torneos autonómicos máis algún equipo invitado.

O VSK, actualmente o único club vigués, xa se mediu a equipos como o Alcorcón, Biescas ou Voltregá no Campionato de España senior, pero tamén tivo protagonismo na Copa da Raíña, que as galegas disputaron en 2006, a súa primeira edición, e en 2009.

Este luns, Urdiales manterá unha nova reunión con Marta González, presidenta do Traviesas, para seguir pechando asuntos organizativos da tempada 2010/2011, definida pola entidade como "unha nova experiencia". As xogadoras viguesas, algunhas chegadas o verán pasado do desaparecido Ureca, son as actuais campioas de Galicia, torneo nacido en 1993.

En setembro de 2007 o Vigo Stick estaba inscrito para a primeira Liga Nacional xunto con Ordes e Raxoi (Galicia), Biescas (Asturias) e Rivas, Alcorcón e Santa María del Pilar (Madrid), pero ao non acadar o número de oito equipos de catro comunidades autónomas esixido pola comisión delegada, a Liga cancelouse. Porén, no 2008 si se deu o pistoletazo de saída e o Ordes foi o primeiro equipo galego en xogala. Esta pasada tempada, xa cos equipos cataláns no torneo estatal, non houbo representación galega, que este ano todo apunta a que si haberá co VSK Traviesas.