Cabecera Vide

O VSK Traviesas de hóckey a patíns decide saír na OK Liga Feminina por primeira vez na súa historia

igualadaEnrique Urdiales, presidente do Vigo Stick (hóckey a patíns), traballa na concreción dun patrocinador principal para o seu conxunto feminino pero xa ten claro, logo de dúas reunións con Marta González, presidenta do Traviesas, que a cidade terá equipo na OK Liga Feminina 2010/2011.

O tempo de espera e reflexión rematou e a directiva traballa en dotar ao equipo dalgún reforzo, aínda que maioritariamente serán xogadoras viguesas as que afronten a primeira tempada dun club vigués na máxima categoría feminina do hóckey a patíns.

O Traviesas cumpre así un soño perseguido en 2007, cando a Federación Española de Patinaxe plantexou a creación do campionato estatal, que cancelou ao conseguir só sete equipos. Aquela foi unha gran oportunidade que tres anos despois cumprirase. O deporte feminino vigués non anda sobrado de referentes na máxima categoría ao longo da súa historia en competicións regulares de clubs.

O Xuvenil de Teis disputou unha tempada na elite do voleibol nos anos 90, o Skol (balonmán) estivo na elite nos 80 mentres que a referencia secular da cidade é dende 1965 o baloncesto feminino, baixo o nome de Estudiantes, Real Club Celta, C.B. Vigo ou Club Deportivo Bosco (Celta Indepo). O VSK Traviesas comezará a pretempada o vindeiro día 7, martes, e disputará os seus encontros oficiais os domingos ás 12:00 horas no pavillón de Bouzas, centro neurálxico do hóckey sobre rodas de elite masculina da cidade nos últimos anos.

Ademais, Enrique Urdiales anunciou que "Tomba" será o adestrador. Leonardo Adrián Torres, "Tomba" (Arxentina, 1973), nacionalizado italiano e xogador do Vigo Stick dende 2007 tras militar entre outros en Liceo, Barcelos, Benfica e Candelaria, ten un ano máis de contrato co VSK e compaxinará a disputa como xogador da Liga galega masculina coa dirección do equipo feminino, no que substitúe a Ángel Alonso, "Pibe". Tomba, que o pasado 15 de xullo cumpriu 37 anos, quere dirixir a súa traxectoria profesional futura ao banco, segundo sinalouse dende a directiva viguesa.

Resolta a dirección técnica, confirmada a decisión de disputar a máxima categoría e cos adestramentos a piques de comezar, a directiva estuda agora algún reforzo e exponse posibles amigables de preparación. A OK Liga comeza o 16 de outubro e o Vigo Stick xogará na pista de Les Comes, do Igualada (equipo catalán da imaxe).