Cabecera Vide

Laura Fernández, primeira incorporación para a defensa do VSK Traviesas na OK Liga Feminina

tomba2010O Vigo Stick Traviesas que adestra Leonardo Adrián Torres, "Tomba" (na foto), incorporou a unha xogadora galega.

Trátase da defensa Laura Fernández, que pertencía ao HC Compostela. Non será a única novidade (poden chegar ata tres máis) porque a entidade intenta ampliar o número de xogadoras.

A directiva que preside Quique Urdiales traballa para pechar o patrocinador principal e tamén os amigables de pretempada.

 

Precisamente os partidos de preparación “darannos forza para soltar os nervios”, di Tomba, feliz polo seu debut no banco. “En Arxentina dirixía escolas, pero esta é a miña primeira experiencia arriba e a verdade que a afronto con moita ilusión e gañas”. O ítalo-arxentino adestra estes días con cinco xogadoras no pavillón de Bouzas “porque aínda falta bastante xente”, polo que incorporou tamén xogadores do xuvenil “para facer un traballo máis completo”.

Un dos aspectos que Tomba está a coidar é o psicolóxico. Todas as xogadoras viguesas debutan na máxima categoría (aínda que xa participaron en Campionatos de España e Copas da Raíña, torneos de non máis de catro días por concentración); Tomba admite que poden ter nervios iniciais, pero “co tempo vanse a dar conta de que para todas elas vai ser unha gran oportunidade”. Se os resultados non acompañan ao principio “hai que levantarse, seguir traballando con humildade e gozar disto, porque non moitas veces poderáselles dar esta oportunidade”, di quen xogou en España e Portugal ao máis alto nivel.

Tomba compaxinará a dirección técnica do equipo feminino coa competición no Vigo Stick, na 1ª Autonómica masculina.

OK Liga de 13. O Comité Nacional de Hockey Patines decidiu onte deixar a OK Liga Feminina con 13 equipos, despois de que non se presentou ningunha candidatura para ocupar a praza que estaba vacante (aínda que se pensaba que o Claret sevillano podía recuperala tras o seu descenso).

Deste xeito, ao quedar a competición nun número impar, os equipos gozarán dunha xornada de descanso. Con motivo do Campionato do Mundo feminino que se disputará en Alcobendas do 25 de setembro ao 2 de outubro, a OK Liga Feminina empezará os vindeiros 16-17 de outubro, coas viguesas no pavillón de Les Comes o domingo 17 ás 13:00 horas. Porque o VSK Traviesas debutará en Cataluña fronte ao Igualada, que esta fin de semana organiza un torneo internacional contra as seleccións de España, Chile e Colombia.

O Vigo Stick Traviesas descansará nas xornadas 10 (18 de decembro, a derradeira do ano) e 23 (14 de maio). No campionato hai dez equipos cataláns, un madrileño, outro asturiano e o vigués.