Cabecera Vide

O VSK Traviesas perdeu no seu primeiro partido da OK Liga Feminina en Bouzas diante do Arenys de Munt

vigostick5O Vigo Stick Traviesas xogou por vez primeira en Bouzas un partido da OK Liga Feminina e caeu ante o campión da Copa Generalitat e da Supercopa catalá, o Arenys de Munt, por 0-5 (0-4 ao descanso).

O conxunto vigués, coa ausencia de dúas xogadoras importantes, a porteira Patricia Echarren (con exames, finalmente non puido desprazarse dende Madrid) e a defensa Noelia Veiga, fóra de Vigo, aguantou dous minutos e un segundo ao fortísimo rival catalán.

O tempo que necesitou o rival para sacar o 0-1 de penalti, obra da internacional española María Majó, que o coou á esquerda da porteira viguesa Antía Noya.

O VSK pagou na primeira metade os nervios, apenas creou perigo e foi superado por un adversario de máis fortaleza que Igualada e Sferic. As ausencias pasaron factura ás de Leonardo Torres, "Tomba", diante dun opoñente que saíu a gañar pola vía rápida con toda a súa artillería.

A segunda parte foi diametralmente oposta. As viguesas quitáronse por fin o medo e Jessica tivo o gol nun man a man coa porteira catalá (m.33), pero o lanzamento fóiselle alto. Mentres, Antía Noya convertíase na mellor xogadora local: as mundialistas Leticia Corrales (Arxentina), María Majó (España) e Beth Cook (Inglaterra) atopáronse cunha parede que repelía calquera lanzamento de longa ou curta distancia. De feito, Noya evitou o gol nunha morea de lanzamentos e nun par de accións de un contra un fronte as dianteiras visitantes, que ademais mandaron dous tiros ao pau. Só ao final, Natalia Corrales puido gañar o segundo parcial tamén para o Arenys. A 28 segundos do final, nunha combinación local, Jessica estivo a piques de facer o tanto da honra.

FICHA TÉCNICA

0. Vigo Stick: Antía Noya, Noela Carrera, Lucía Contreras, María Noya, Jessica Braña -cinco inicial-, Ana Abalde e Laura Fernández.

5. Arenys de Munt: Vicky Rodríguez, María Majó, Natalia Corrales, Leticia Corrales, Laia Pera -cinco inicial-, Elena Ruiz (porteira), Beth Cook e Vanessa García.

Árbitro: Rubén Hidalgo (Madrid).

Goles: 0-1 (m.3), María Majó, de penalti. 0-2 (m.9), Natalia Corrales. 0-3 (m.12), Vanessa García. 0-4 (m.14), Leticia Corrales. 0-5 (m.34), Leticia Corrales.

Incidencias: terceira xornada da OK Liga Feminina. Pavillón de Bouzas. Uns 150 espectadores. A 4:12 do final mancouse no nocello esquerdo a xogadora local Ana Abalde.