Cabecera Vide

Bouzas, de estrea na OK Liga Feminina este sábado co Vigo Stick-Arenys de Munt

vskA OK Liga Feminina dispútase este sábado en Vigo por vez primeira.

O Vigo Stick Traviesas recibe ao Arenys de Munt, cuarto clasificado a tempada pasada, que foi a primeira con equipos cataláns no campionato.

O pavillón de Bouzas, ás 18:00 horas, será o escenario dun encontro histórico porque ata agora o hóckey a patíns, que se empezou a xogar na cidade en 1953, nunca alcanzara o banzo máis alto aínda que xa disputara o Campionato de España, o torneo que en formato copeiro a un partido e por concentración determinaba o campión estatal.

A OK Liga, que disputa a súa terceira edición, chega ao pavillón de Bouzas cun VSK-Arenys de Munt, é dicir, un recentemente ascendido fronte ao cuarto clasificado da campaña pasada e que xogará competición europea nesta. “Aproveitamos estas dúas semanas para axustar moitas cousas, pero isto acaba de empezar; despois do debut en Cataluña espero que o equipo teña máis confianza e as xogadoras estean máis soltas”, asegura Leonardo Torres, “Tomba”, o técnico do conxunto vigués. O adestrador sabe que para empezar tocoulle un equipo que se clasificou “xusto por detrás dos máis fortes o ano pasado con xogadoras que marcan a diferenza a nivel individual”, explica, como as irmás arxentinas Leticia e Natalia Corrales. Leticia, dianteira e máxima goleadora da OK Liga 09/10, acaba de proclamarse campioa do mundo de seleccións absolutas en Alcobendas e a súa irmá, defensa, entrara na preselección, ademais de ser mundialista noutras edicións. “Temos que traballar moi duro e manteño que hai que esperar a que pase a primeira volta para facer balance, aínda nos falta tempo”, di Tomba.

O rival é de luxo. En setembro, o Arenys gañou 2-0 ao Xirona a Supercopa catalá, con goles da mundialista inglesa Bethany Cook e de Vanessa García. Na Primeira Nacional catalá, onde xoga parte do primeiro equipo, perdeu 2-4 fronte ao Sferic Terrassa e 2-1 contra o Capellades.

Dáse a circunstancia de que Leticia Corrales foi a máxima goleadora da competición o ano pasado, con 68 goles, seguida pola primeira española e segunda clasificada final, Jessica Braña (43), agora nas filas do VSK (na imaxe é, de pé, a segunda pola dereita).

Ademais, o equipo que adestra Raúl Carrera conta cunha internacional absoluta por España, a defensa María Majó (Arenys de Munt, 1986), campioa do mundo en Xapón 2008 e bronce en Alcobendas 2010.

Por parte do Vigo Stick o club está pendente de probas médicas á súa xogadora Marina Pérez, mancada nun xeonllo durante un adestramento e que aínda non debutou na OK Liga.