Cabecera Vide

Outro éxito do Vigo Squash, ouro con Xisela Aranda e prata de Hugo Varela no Campionato de Galicia

20Durante a fin de semana do 2 e 3 de xuño, as instalacións do Squash Santiago en Milladoiro (Ames) recibiron o Campionato de Galicia absoluto de squash.

O Vigo Squash meteuse no podio masculino e feminino, co ouro para Xisela Aranda e a prata para Hugo Varela, mentres que o Squash Santiago levou o título masculino con Carlos Cornes e o bronce para Jesús Souto.

Vigo (na imaxe, Xisela Aranda, o presidente Carlos Dafonte, Hugo Varela e Cío García, subcampión de España sub 13) e Santiago mandan en Galicia.

Cornes non cedeu un só set en todo o Galego. Nas previas bateu a Víctor Reguera, Iván Rúa e Juan Fernández, en semis, a Pascal Gómez, compañeiro de club, e na final a Hugo Varela, por 11-7, 11-6 e 11-4. Hugo, pola súa banda, chegou inmaculado á final. O vigués derrotou en semifinais ao santiagués Jesús Souto de forma clara (3-0), aínda que tamén antes xa se desfixo de igual modo dos locais Pablo Rodríguez, Jesús Pazos e Jorge Aboal.

En categoría feminina, Xisela Aranda, intratable, segue a esmagar ás súas rivais, xa que a súa alongada sombra levouna a adxudicarse xa oito títulos autonómicos, o que ninguén máis puido alcanzar.

A viguesa, patrocinada por Naffta, gañou a final á pontevedresa Sara Esperón, sen equipo, por un cómodo 3-0 (11-3, 11-5 e 11-7). No partido definitivo plantouse tras ir superando etapas sempre invicta: Julia Noya, Marga Navarro (Squash Santiago) e a pontevedresa Iria Rodríguez, que acabaría bronce.